Gústanme as romarías. Crieime indo a elas. O San Cibrán de Catoira, o San Campio na Serra de Outes, os Milagres, Amil e Requián, o San Bieito de Herbón, a Escravitude ou ao Carmelo en Calo (Teo). Íamos cargados. Levábamos, sempre, o mesmo, tortilla e polo fritido, viño catalán e caña. A auga collíase das fontes. De sobremesa chulas con azucre e "torrijas" e café nunha botella de gasosa Zabala. Logo coñecín outras. San Adrián de Malpica, o san Fins de Cabana co seu "berro seco", O Naseiro, Os Caneiros...
En 2007 andaba por Bretaña. Na localidade de Caraix había un festival. Descubrín o Festival des Vieilles Charrues (Os vellos arados), https://www.vieillescharrues.asso.fr/ , (en bretón: Gouel an Erer Kozh). Cinco escenarios dando cabida a moitos tipos de música, aínda que a base era o rock. Moreas de xente, moitas familias, xente con nenos que ía alí a pasar o día. Os espectáculos acaban á media noite. Vimos, entre moitos, a Peter Gabriel e Arcade Fire. Pensei que me gustaría que houbera un festival así en Galicia, tipo romaría. Os desexos cúmprense, Cultura Quente, antes, Port América, agora, son o máis parecido a ese festival.

Pero, se algo me fai desfrutar do que é unha auténtica romaría urbana, sen dúbida, iso é o Surfing The Lérez. Cumpre todos as condicións dunha auténtica romaría. O Surfing é o exemplo máis claro do que é unha romaría urbana. Como todas romarías é de balde. É un xeito de reivindicar o espazo público, un punto de encontro. Eses dous días vemos como a xente transforma a illa do Covo en un punto de convivencia de veciños e veciñas. Vemos como os nenos e nenas se divirten en total liberdade, correndo en saltando, xogando. Lémbrame a nenez. Compartimos identidades, que facemos encontros interxeracionais. Sei, a punto de cumprir os 70 anos, que non me sinto raro nin discriminado en ningún momento, síntome integrado. No Surfing respírase Galicia doutro xeito, e liberdade. Éramos moreas de "corpos normativos e non normativos", vestidos como nos petaba desfrutando da música e compañía. E, como en todas as romarías xente xantando, ou ceando, colocando un mantel enriba da herba. Gracias a unha idea xenial puiden ver a grupos que doutro xeito non desfrutaría do mesmo xeito. Esta música é un xeito de entender os novos gustos da xuventude. Nunca faltei á cita a carón do río.
"Tarde piaches", (en castelán "a buena hora mangas verdes"), habería que dicirlle ao presidente da Deputación que agora se quere converter en salvador do festival. Non me gustan as desculpas de mal pagador, tanto da Deputación como da Xunta co seu Xacobeo que tampouco puxo un euro. Non me gustan os políticos que din que apoian, ou que salvan algo, para logo esixir a foto para poñer nas redes. Non me valen desculpas de procedemento administrativo, cousa que coñezo moi ben, si queren apoiar hai unha cousa que a lei permite e é o "patrocinio". O concello tamén podería estirar un pouco máis ese 15%.

Non coñezo persoalmente a Marcos Rivas, se o vexo pola rúa sei quen é, fun bastantes veces ao Karma, mais nunca falamos, pero eu teño con el, e o seu equipo, unha débeda: agradecerlle o que desfrutei durante estes anos no Surfing. Demostrounos que saben facer e organizar este tipo de eventos, mais tamén por onde vai a música, tanto a de aquí como a de fóra. Non sei o camiño que collerá todo isto, nin se vai desaparecer definitivamente. O noso apoio teno. Si volve alí estarei (os da casa estaremos).