Falar cos xuíces? Rotundamente, si

18 de xaneiro 2025

Vemos, impotentes, como se nos venden presuntas melloras, como é a nova plataforma á que denominan VioGén 2, presentada hai uns días, porque a utilizada ata agora, malia as pegadas de asasinatos machistas que deixou ao seu paso, era, segundo o Ministro de Interior e a Ministra de Igualdade, tan perfecta que xa non admitía máis reformas

Hai uns días fun convidada por unha emisora de radio a facer unha entrevista na que se me preguntou, entre outras cousas, pola opinión de "Si, hai saída" en relación cunha campaña que unha canle de TV está a facer, na que se insta as vítimas de violencia de xénero a falar directamente cos xuíces.

Non houbo pola miña banda ningunha dúbida na miña resposta, que é, naturalmente, a de todo o equipo.

Desde "Si, hai saída" apoiamos sen reserva algunha esta iniciativa, que, estamos convencidos, en non poucos casos melloraría sustancialmente, no caso de ser necesarias, a adopción de medidas para a súa protección, para a dos seus fillos e fillas, coñecendo a situación que esa vítima está a vivir da súa boca, sen intermediarios, mirándose aos ollos, sen correr o risco de que cheguen a eles, aos xuíces,versións "viciadas" por posibles condicionamentos ou opinións persoais daqueles que recolleron declaracións anteriores, que, lamentablemente, por moito que se negue a maior ou se pretenda ignorar, é algo que sucede con demasiada frecuencia.

Por outra banda, isto suporía, ademais dun adianto considerable de tempo para a adopción de posibles medidas e, en consecuencia, para a súa protección, tamén, non menos importante, unha notable redución das horas de angustia que unha muller vítima de violencia machista se ve forzada a soportar desde o momento no que decide denunciar.

Existe, ademais, outra razón fundamental pola que en "Si, hai saída" apoiamos clara e abertamente esta recomendación.

Seguimos vendo, impotentes, como, malia que todos coñecemos perfectamente a orixe de que, en moitas ocasións, os xuíces non poidan tomar as resolucións que desexarían, e que o risco que corren estas mulleres requiriría porque nin o atestado policial, nin o VioGén, o test de risco de valoración, arroxan os resultados correctos, e os xuíces, como a cotío nos vemos na necesidade de aclarar, non poden fallar baseándose en impresións, en sensacións ou en presentimentos. Precisan ter probas, probas tanxibles, e se non se lles poden achegar, pouco ou nada poden facer.

Vemos, impotentes, como se nos venden presuntas melloras, como é a nova plataforma á que denominan VioGén 2, presentada hai uns días, porque a utilizada ata agora, malia as pegadas de asasinatos machistas que deixou ao seu paso, era, segundo o Ministro de Interior e a Ministra de Igualdade, tan perfecta que xa non admitía máis reformas (incrible, hai que ter moi pouca vergoña para afirmar tal desatino), pero este é outro debate, do cal falaremos en días vindeiros, mentres seguen obviando a realidade, que a violencia de xénero podería reducirse notablemente de cumpriren todos e cada un dos axentes implicados co seu cometido, algo que non se está a facer, sen que se tome medida ningunha con aqueles que faltan ao seu deber.

Como tampouco, por máis que se reclame, se ven visos de que se revisen os procesos de selección dos axentes encargados da asistencia e protección destas mulleres, polo cal se poden dar circunstancias, como as que se deron en moitas ocasións, de que un policía, maltratador na súa vida privada, ou machista de manual, lle tome declaración a unha vítima ou se lle encomende a súa protección.

Hai moitos anos que, desde "Si, hai saída", vimos reivindicando unha modificación destas pautas de selección, chegando mesmo a dirixirnos ao propio ministro, sen, á vista está, resultado ningún.

Desexamos, ademais, que, dunha vez por todas, se desterre esa falsa imaxe dos xuíces inhumanos, distantes e culpables de todas as sentenzas desfavorables que tantas veces se ven na necesidade de fallar, malia que o corazón lles dite todo o contrario, porque non se lles achegou nin a información nin as probas correctas.

Tampouco son santos, por suposto que non, e, coma en todas as partes e en todos os colectivos, pode haber un ou unha que non mereza estar no sitio que ocupa, pero podemos afirmar que son excepcións.

Non esquezamos que son, ante todo, seres humanos, e, como tales, son susceptibles de errar, pero, do mesmo xeito, tamén teñen sentimentos.

Ollo, así mesmo, con eses colectivos que, sen atender a razóns nin coñecer, como é lóxico, o fondo dos casos, baseándose en titulares de medios sensacionalistas e pouco máis, cando unha sentenza non é do seu agrado, fáltalles tempo para ir berrar diante das sedes xudiciais a demonizar toda a xudicatura, sementando desconfianza e desacougo, pero sen mover nin un só dedo para tentar atallar o problema na súa orixe, que non son, repetimos, para nada, os xuíces e na procura, tan só, do seu lucimento e beneficio.

Son xa moitos anos, máis de dez, os que levamos acudindo á sede xudicial, e podemos asegurar que nunca un xuíz se negou a escoitar unha vítima, e que, ademais, lles proporcionan toda a información necesaria de todas as axudas e recursos aos que poden optar, facilitando, ademais, o noso labor de acompañamento e apoio, tan importante para elas, que precisan sentirse arroupadas en momentos tan duros, independentemente de como lles caia a persoa que a está a levar a cabo.

Non somos, como moitos sabedes, en "Si, hai saída", nada proclives a pronunciarnos sobre ningunha campaña publicitaria, agás, naturalmente, que vexamos que poida estar causando dano, mais, neste caso, témolo moi claro, e pregamos, tanto a vós, mulleres que estades a vivir o inferno da violencia de xénero, coma á vosa contorna, que a teñades en conta.

Por favor, falade cos xuíces. Non van facer milagres, por suposto, tampouco os prometen, pero non vos arrepentiredes, estamos convencidos.

 

Asociación "Si, hai saída"