Aproveitamos o tempo de lecer a comenencia. A maioría da xente vai á costa. A triloxía de auga, sol e chiringuito. Esta primavera na viaxe a Cataluña, modificamos a ruta. Sempre facemos parada en Soria. Son varios os motivos. Primeiro, imos en coche e levamos produtos da terra. Outro motivo é a distancia, á nosa idade non estamos para facer 1.200 km dunha tirada. Mais, o importante é que nos gusta Soria, e a provincia, e non perdoamos pasear polas súas rúas, desfrutar da Alameda de Cervantes e tomar un "torrezno" en Casa Augusto.
Así que este ano decidimos ir, un pouco, á montaña pirenaica. Andamos por Huesca e os seus pobos da montaña. Tíñamos ganas de ir por sitios que, ou non coñecíamos, ou facía tempo que non íamos. Dito e feito. Logo de facer, máis ou menos 10 quilómetros ao día polas rutas do Lérez andar é o noso. Parada e fonda en Huesca e visita a Loarre, castelo ben conservado, non é Mont Saint-Michel mais ten o seu aquel, paga a pena. Logo de desfrutar de Huesca tiramos cara a montaña. Con centro en L'Aínsa-Sobrarbe deseñemos as nosas saídas. En Aínsa dáste conta que hai outro xeito de desfrutar do lecer. É o quilómetro cero (km 0) do desfrute da montaña pirenaica. Xente andando, xente de sendeirismo, xente en bicicleta, xente de montañismo, xente en moto, xente preparándose para facer alpinismo. Montaña pura e dura. Outro mundo igual de bo, e bonito, que estar a carón da auga do mar.
Fixemos o que puidemos, dentro dos nosos límites, andamos moito, desfrutamos da paisaxe, tamén dos seus xantares e viños da D.O. Somontano. Falamos coa xente, cos turistas e cos inmigrantes que eran que traballaba na hostalaría. Tamén con maños e mañas vellos. Había poucos e non entendían a súa terra sen inmigrantes que eran quen atendían os negocios, e, sobre todo, eran os que os coidaban. Mais iso é outra historia.
Para un galego o mundo é un pano da man. Estábamos visitando un pequeno pobo, e ben conservado, Alquézar. Facía moita calor, 35ºC, era a unha da tarde. Buscamos refuxio con sombra para tomar unha auga ou unha cervexa fría. Había que hidratarse e baixar a calor. O pobo era todo de pedra, a calor rebotaba nelas e subía polas pernas. Sentamos nunha terraza á sombra dunhas moreiras. Comezamos e a falar e, da mesa do lado, preguntan: "de onde sodes, que de aquí non sodes?". Pregunta e afirmación na mesma frase. Respondín como facemos os galegos: "somos de Pontevedra, pero vós tampouco sodes de aquí". Certo, responderon, somos de Portonovo. Comezamos a falar, dos nosos veraneos en Sanxenxo. Tíñamos amigos, e coñecidos, en común. Eran Ricardo e Rosa. "Levamos quince anos vindo aos Pirineos a pasar 15 días – dixo Ricardo – collemos un hotel en Benasque, sempre o mesmo e desde alí movémonos polos pobos dos arredores e pola montaña, sobre todo pola montaña". Gustáballes andar pola montaña. Ricardo fíxonos unha confesión: "mirade, son de Portonovo, o mar teño na casa todos os días, pero eu desfruto vindo aquí cada primavera e ghabear monte arriba, ei de vir mentres teña forzas". Outro xeito de desfrutar do lecer. Se ides a Benasque a finais de maio, ou primeiros de xuño, veredes a Ricardo e a Rosa ghabeando montaña arriba.
(*) Uso o dígrafo gh para representar na escrita a gheada, que é un fenómeno fonético tradicional e dialectal galego que é como falaban Ricardo e Rosa, así tamén dicían ghato, ghasosa e ghorxa.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.