A Policía Nacional desarticula unha rede que conectaba a clans do Salnés con mafias balcánicas

O Salnés
12 de xullo 2026

A Operación Logan finaliza con dezaoito detidos e a incautación de máis de cen quilogramos de cocaína entre Galicia e Madrid

Cocaína incautada na Operación Logan da Policía Nacional
Cocaína incautada na Operación Logan da Policía Nacional / Policía Nacional

Unha investigación dirixida polo Grupo II da Unidade de Droga e Crime Organizado de Pontevedra permitiu desmantelar unha organización criminal asentada en Galicia dedicada á distribución de substancias estupefacientes a gran escala.

As dilixencias policiais establecen que esta rede operaba como nexo de unión entre o histórico clan dos Charlines, arraigado na comarca do Salnés, e o colectivo internacional coñecido como o clan dos Balcáns, ao cal abastecían con importantes partidas de droga para a súa posterior distribución en diferentes puntos do territorio nacional e en Madrid.

As actuacións comezaron a principios do ano 2025 baixo a titela do Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa e a Fiscalía Antidroga de Pontevedra.

Tras meses de vixilancias e seguimentos por parte da UDYCO, as forzas de seguridade despregaron a fase de explotación definitiva o 16 de xuño deste ano con vinte e dous rexistros simultáneos en inmobles do Salnés, Vigo e Madrid.

O operativo saldouse ata o momento con dezaoito persoas detidas, das cales sete xa ingresaron en prisión por orde da autoridade xudicial.

O desmantelamento da estrutura delituosa executouse de forma gradual mediante diferentes intervencións nas estradas galegas.

En maio de 2025, os axentes interceptaron un quilogramo de cocaína na Coruña tras seguir o rastro dun investigado desde o sur da provincia.

Meses máis tarde, en novembro, unha operación en Cambados permitiu comisar cinco quilogramos da mesma sustancia nun vehículo, localizándose no posterior rexistro domiciliario do arrestado outros dous quilogramos de cocaína, trinta de haxix e oito de marihuana.

O golpe principal á organización produciuse a finais de abril de 2026 en Verín, na provincia de Ourense. Nese punto, a Policía Nacional interceptou un automóbil que circulaba pola autovía A-52 e que dispuña dun dobre fondo electrónico oculto.

No interior do habitáculo achábanse algo máis de noventa e dous quilogramos de cocaína que o condutor, membro das mafias balcánicas, acababa de recibir por parte da rama galega no Salnés.

A última das aprehensións en ruta tivo lugar en maio na peaxe da AP-9 en Guísamo, na Coruña, onde se interviron tres quilogramos máis de substancia estupefaciente.

O balance definitivo da Operación Logan ascende a 103 quilogramos de cocaína, trinta quilogramos de haxix e dez quilogramos de marihuana.

Material intervido na Operación Logan
Material intervido na Operación LoganPolicía Nacional

Os rexistros domiciliarios saldáronse coa incautación de 160.000 euros en efectivo, unha pistola, unha vintena de vehículos automóbiles, básculas de precisión, maquinaria para o envasado ao baleiro da mercadoría, documentación de interese para a causa e diversos reloxos de gama alta.

A Policía Nacional mantén os traballos policiais abertos e non descartan realizar novas detencións durante próximas datas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora