Ir a tendas de libros de segunda man é un pracer moi grande. Hai que facelo sen apuro. Sabes que calquera pequena alfaia pode estar escondida nun estante. Sobas, retozas, fedellas. E aí aparece. Quizais non tes a certeza, pero si a intuición. Sabes que ese pode ser un gran libro. Págalo, sen relear, e vas a casa con el. Déixalo enriba da morea de libros pendentes. Pero non pasa nada. Tempo despois, se cadra un ano ou dous, aparece de novo. Estás condenado a lelo. E gozas. Non sei cal foi a intuición que me levou a mercar Volver al redil nunha tenda de segunda man na zona vella de Vigo. Pero esta semana o libro volveu ás miñas mans, e pagou a pena.
A trama é sinxela. Un home francés que traballa de comercial ve un coche que se saíu da vía, e leva o home ferido até un hospital. Poucos días despois inicia as vacacións de verán coa súa familia, e mentres desfruta dun baño na costa atlántica, dous homes intentan matalo. Sorprendido e temeroso, regresa a París, onde o perseguen os homes. Alí pídelle unha pistola a un amigo, e marcha en dirección aos Alpes. A persecución segue adiante con elementos de road movie, personaxes entrañables, situacións violentas e unha trama que se pecha de forma redonda. Malia todo, a fuxida termina por ser unha mestura de supervivencia e grande evasión, pois como o propio protagonista di, está até os collóns de todo. Comeza así para el unha nova vida, ou non.
O título da tradución ao castelán fai un pequeno spoiler: Volver al redil. Regresar ao acubillo. Non obstante, o título orixinal en francés é Le Petit Bleu de la côte ouest, ("o telegrama da costa oeste"). A tradución do libro, de Lourdes Pérez González, semelloume un pouco na liña da edición: colección Etiqueta Negra da editorial Júcar, o que establece relación coas obras pulp, coas novelas do oeste de lectura rápida e distribución barata. Non obstante, este non é un libro de ler e tirar, senón que deixa fonda pegada. Anos despois a obra foi reeditada en castelán como Balada de la costa Oeste, con tradución de Ramón de España.
É imposible facer unha close reading porque as referencias son extensísimas. Pero é que tamén é moi intensa e extensa a biografía do autor, J. P. Manchette. Podedes facervos unha idea botándolle un ollo ao artigo sobre el na Wikipedia. Volvendo ao libro, nel refléxase a situación política, social e cultural da Francia de 1976. Destacan as numerosas mencións musicais e literarias: desde os grupos de jazz que escoita o protagonista, ás obras de Alexandra Kollontai que le a súa muller.
O libro foi levado ao cinema en 1980 co título de Trois hommes à abattre, con dirección de Jacques Dreay e Alain Delon no papel protagonista. En 2005 foi adaptado a banda deseñada con debuxos de Tardi e un prólogo de François Guérif.
Non sei se algunha vez me facedes caso cando recomendo libros, pero este deberiades lelo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.
