Falaba coa miña neta Vera por wasap, ela en Tarragona e eu aquí. Contábame que o día anterior tivera un aniversario e que a invitaran a un spa e a poñerse unha máscara facial hidratante. Mimá!—pensei eu— a onde imos, unha máscara facial con oito anos! Ao día seguinte vou recoller a neta Uxía ao Vidal Portela. Uxía ten dous anos máis que Vera, dez. Coméntolle o do día anterior da súa prima Vera. —Que anticuado estás avó, aquí tamén se fai—, fiquei parvo, estou anticuado. Calei. Como non hai dúas sen tres, na fin de semana viñeron xantar fillos e noras. Un dos temas de conversación foi a cantidade de xente moza que se pincha bótox, ou toma medicamentos, ou, mesmo, se opera. Non mo cría, unha das noras ofreceuse de cicerone: —hoxe é sábado, ven comigo e verás como te ensino caras que están pinchadas para eliminar as engurras—, fun. Tiña razón, ao principio non me decataba pero pouco a pouco fun vendo que era moita a xente con bótox, mulleres e homes, mozas e mozos.
A obsesión polo corpo perfecto xa non espera as engurras: empeza antes de que aparezan. O que durante décadas foi patrimonio dunha elite adulta —o medicamento estético, os retoques, reparación de tecidos “danados”, o láser, as actuacións sobre os telómeros, recheos de ácido hialurónico ou bótox— converteuse hoxe nunha rutina precoz. A idade media de acceso caeu dos 35 aos 20 anos, e en moitos casos mesmo antes. Non falamos de corrixir, senón de previr; non de aceptar o paso do tempo, senón de combatelo antes de que exista. O resultado é unha estética uniforme, unha “cara de algoritmo” sen idade, sen poros e, en ocasións, sen expresión. Un rostro que non nace da xenética, senón da repetición: filtros, inxeccións, recheos. A promesa é tentadora: verse mellor, máis novo ou nova.
Este fenómeno non pode entenderse sen o papel das redes sociais. Os rostros que vemos a diario, amplificados por algoritmos, non son reais, pero si normativos. A comparación constante empuxa a miles de mozos a perseguir un ideal inalcanzable. E nese camiño, a industria atopou un negocio millonario: produtos “antiaging” para todo o mundo —desde nenas pequenas ata a xente maior, pasando polos preadolescentes, adolescentes e os que pasan dos vinte anos—, tratamentos preventivos e unha narrativa que converte o coidado en obrigación. O problema non é individual, senón estrutural. Véndesenos a idea de que envellecer é un fallo que debe corrixirse.
Máis inquietante aínda é o impacto emocional. Se o rostro é clave en como expresamos o que sentimos, que ocorre cando o inmobilizamos? Algúns estudos suxiren que limitar a expresión facial podería mesmo afectar ao xeito en que experimentamos as emocións. O paradoxo é claro: na procura dunha beleza perfecta, corremos o risco de deshumanizarnos. Contáronme o caso dun actor que perdeu dous papeis por ter a cara inexpresiva por mor dos tratamentos anti-idade que se poñía.
Non se trata de xulgar a quen decide someterse a estes tratamentos, senón de cuestionar o contexto que os normaliza. Porque cando a mocidade se converte en obrigación e o envellecemento en inimigo, perdemos algo máis que naturalidade: perdemos liberdade. Quizá o verdadeiro xesto radical hoxe non sexa “mellorar” o rostro, senón permitir que conte a historia de quen o habita.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.