Afortunadamente, na nosa cidade aínda hai xente á que a morte non lle é indiferente, sobre todo ao ollar o xenocidio que Israel, noutro tempo vítimas, agora verdugos, está a perpetrar en Gaza, exterminando xente inocente, sobre todo nenos e nenas que non saben que mal fixeron para merecer tanto castigo, e o máis cruel: deixalos morrer de fame ou bombardear o último hospital que lles quedaba en pé. E como se fosen alimañas, disparar ás colas da fame cando deixan entrar a contagotas os camións da axuda humanitaria e as xentes pelexan por un saco de fariña para non morrer de fame. Como imos vivir coa nosa conciencia sabendo que quince mil nenos e nenas foron asasinados diante nosa?
Dicía Eduardo Galeano: "Moita xente pequena en lugares pequenos poden cambiar o mundo". Aquí un fato de homes e mulleres que só lle piden a Deus que a morte non lles sexa indiferente, tratan de non mirar para outro lado e, alomenos, intentan facer pequenas cousas como concentrarse os luns á beira da Peregrina, plantar unha oliveira por Palestina fronte á Subdelegación do Goberno para que, cando pasemos ao seu carón e ollemos as súas follas prateadas escintilar, non nos esquezamos de Gaza, onde esas mesmas árbores que deberían ser de vida están regadas con sangue de inocentes. E outras pequenas cousas, como o vindeiro catorce de xuño, cando madurezan as cereixas, convocar unha gran concentración á beira da igrexa da Peregrina para demostrar que non a todos e todas a morte de familias cos bombardeos indiscriminados, destruíndo casas e vidas e deixándoos morrer de fame, nos é indiferente. Ata nas guerras máis crueis debería haber un chisco de humanidade.
Nun deses bombardeos contra unha casa dunha humilde familia morre unha nena que facía vídeos para que os rapaces aprendesen a sobrevivir. Dicíalles como coller auga sen perigo, onde refuxiarse cos bombardeos, como lograr algo de comida e aproveitar algo que lles servira tirado no lixo. MATÁRONA, sen piedade, xunto aos seus irmáns e toda a familia, sen clemencia. Non se chamaba Greta e non tivo a sorte de nacer nun país civilizado onde a infancia non é unha arma de guerra, os nenos e as nenas non son unha ameaza, ou non deberían selo.
Como é posible que unha nai israelita poida durmir tranquila cando, dándolle de comer aos seus fillos, non pense nos nenos e nenas das imaxes coas manciñas abertas suplicando axuda, e na impotencia doutras nais como ela ao ver como os seus fillos morren de fame, mentres a ela sóbralle todo?
O Holocausto, o exterminio dos xudeus, coñeceuse despois; este xenocidio está a acontecer en directo todos os días con pelos e sinais, como se fose unha serie, porén é real: nenos e nenas morrendo en directo e fogares destruídos. Os países que poden parar o xenocidio non o fan coa complicidade de moitos que ollan para outro lado. Noraboa aos que teñen sentimentos e aínda lles conmove as desgrazas dos demais e fan pequenas cousas para non caer no esquecemento. Dicía Bertolt Brecht: "Hai persoas que loitan un día e son boas. Hai persoas que loitan un ano e son mellores. E hainas que loitan toda unha vida, esas son as imprescindibles". Unha nena da nosa cidade deixa unha moneca de trapo á beira da oliveira por Palestina e dille á nai que é para as nenas de Gaza, que ela xa ten moitas. Non todo está perdido.