Cando era tempo de Maios

30 de abril 2026

Antón Roel narra unha infancia marcada pola fame, a solidariedade e as tradicións populares arredor da Festa dos Maios en Pontevedra, evocando a unión do barrio da Virxe do Camiño

Faltaban poucos días para a Festa dos Maios e nós alí, cos nervios a flor de pel, no Grupo Escolar de Álvarez Limeses. Lembro naquel tempo de fame, no recreo, no país do ‘Millón de Vacas’ que dicía Manuel Rivas, o leite era para os ricos e nós tiñámonos que apañar cun vaso de leite en po da Axuda Americana que non sabía a leite nin a nada parecido. As nosas nais dábannos un puñadiño de azucre envolto en papel de estraza para que soubese a algo bo e ir tirando coa fame.

Estabamos escolarizados en castelán e tiñamos que exprimir os miolos para facer as coplas, que tiñan que ser en galego. Ao final, recorriamos á Academia da Lingua Galega, que se atopaba nos Muíños, nos lavadoiros e nas leiteiras que carrexaban o galego á cidade xunto cos caldeiros de leite. Logo, ao rematar na escola, saíamos a fume de carozo ao noso territorio, que era o que hoxe é a praza da Constitución, a carón do tramo do río dos Gafos, que pertencía ao noso barrio da Virxe do Camiño por decisión popular nosa, que ía da Ponte do Menexo á Ponte da Taboada, onde guindabamos o Maio ao río e viamos como as augas levaban toda a ilusión e o traballo nos relanzos como un barquiño de papel.

Naquel recuncho tíñamos de todo para facer o noso Maio: fiúncho, laranxas, ovos, pampullos, margaridas, calas, camelias e flores silvestres. Había un raparigo do barrio, que era aprendiz na carpintería, e traíanos as varas de madeira para o armazón; e na Taberna do Enchufe dábannos os aros dos bocois do viño e un veciño os vimbios para atalos.

Daquela cada barrio tiña o seu territorio e respectábanse, porén un ano que non gañamos nada, armouse unha pequena trifulca cando os gañadores, que foron o Maio da Seca, repetiu con escarnio unha copla que dicía: ESTE NOSO MAIO É O MÁIS PEQUENIÑO PERO DÁLLE DE MAMAR AOS DA VIRXE DO CAMIÑO. Tal afrenta contra o noso barrio acabou con berros e empurróns e, no balbordo, unha rosca do premio caeu ao chan e unhas nenas do barrio arramparon con ela e fuxiron para a Ponte da Taboada, que para nós era o Arco do Triunfo cando gañabamos e o Muro das Lamentacións cando perdiamos. Aínda que non gañásemos legalmente, en época de fame aquel anaco de rosca para nós era ambrosía, manxar de deuses.

Logo, deitados na herba, naquel pradeiro cheo de mapoulas, margaridas, lirios e narcisos, coa banda sonora da música do muíño ao carón do río, convertido nun local de ensaio para os grupos da cidade, ollando no ceo os debuxos efémeros dos estorniños e vixiando unha vella cerdeira para, cando pintasen as cereixas, desputarllas aos merlos. Alí deitados, pensabamos non no poema de Follas de Herba de Walt Whitman, senón na copla que lle iamos facer en vinganza aos do barrio da Seca o vindeiro ano.

Logo chegou a longa noite de escuridade para o río da luz, cando taparon o noso tramo de río. Fai moitos anos que no meu barrio dos días dourados da infancia non fan Maios. Seguramente sexa en vinganza de que lle taparon o seu tramo do Gafos. Oxalá que cando o destapen, a Virxe do Camiño volte a competir na Festa dos Maios. Sería bo declarar unha festa tan fermosa de exaltación da primavera de interese turístico, como se fixo en Ourense, para que non se perda unha tradición tan nosa, que foi quen en tempos non doados de conservar o galego. Lembrar que na posguerra as coplas dos Maios foron a única manifestación impresa na lingua galega.

E mentres tanto, MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A FESTA DOS MAIOS, E NON Á GUERRA E CANTE O MERLO.