Esta é unha crónica triste dun arboricidio perpetrado dun día para outro, sen previo aviso, duns árbores da especie ficus que levaban catorce anos na rúa de Xaquín Costa. Unhas árbores moi frondosos nos que aniñaban moitos paxaros, agora aturdidos, que dan voltas arredor de onde antes tiñan o seu fogar, sen se explicaren o motivo de tal aldraxe.
Eu supoño que, cando se invisten cartos dos contribuíntes en árbores para osixenar e dar mellor calidade de vida aos veciños, se fará un estudo de cales son as especies idóneas para as rúas, prazas ou espazos públicos. O que non se entende é que, cando as árbores están consolidadas, proporcionan sombra e benestar e están a cumprir aquilo para o que foron plantados, alguén non lembre que as árbores teñen vida, medran, e considere que son un estorbo, e se talen para substituílos por outros.
Eu, que non entendo moito disto, pensei que se talaran porque estaban enfermos ou tiñan risco de caer. Pero, segundo xente que sabe do tema, dixéronme que estaban sans; que ao mellor molestábanlle a algún veciño. Se é así, o máis lóxico sería unha boa poda, non facer como aquel presidente dos EE.UU. que, para acabar cos incendios forestais, propuxo tallar todas as árbores; como dicimos por aquí: morto o can, rematou a rabia.
Dinme que agora, para substituír os ficus, van plantar magnolios. Paréceme ben. Un dos recunchos máis fermosos atópase na Alameda, á beira da rúa Raíña Victoria, coas cerdeiras e as magnolias brancas ao florecer. Porén, penso que o que se precisa na cidade é plantar máis árbores nas rúas, prazas e espazos públicos que non os teñen. Os veciños da rúa Laranxo aínda agardan pola árbore que tallaron e que deu nome á rúa; ou na Virxe do Camiño e noutras moitas rúas e prazas; en Campolongo ou no Gafos, onde caeron coas borrascas.
Se hai que tallar algún, que sexa por risco de caída ou porque as raíces son un perigo e levantan as beirarrúas; non talar uns árbores para plantar outros porque a algún veciño lle estorben ou queira un máis bonito. As árbores nas cidades son un ben común, un beneficio para todos; e se hai que talar algún, axiña substituílo por outro, non facer coas árbores o que se fai coas mascotas, que cando medran estorban e desfacémonos delas.
Agardo que os ficus da rúa Castelao e doutras rúas que teñen ese tipo de árbores teñan mellor sorte e non os talen; e, sobre todo, que se pense que os árbores, para se consolidaren, teñen que pasar anos. Son anos os que teñen que agardar os veciños de Xaquín Costa para se alegraren cos trinos dos paxariños que tiveron os seus niños nos árbores que lles talaron e tiveron que emigrar do seu fogar.