A outra cara de El Rocío: mortes animais e deterioro ambiental en Doñana

01 de xuño 2026

Gústame ir de cando en vez a Doñana a ver paxaros. Unha viaxe en primavera que este ano, por mor do clima, non puido ser. Para nós Doñana está lonxe así que fago a viaxe por etapas. Primeiro dun tirón ata alá, logo subo polo parque de Monfragüe e unha última parada en Villafáfila. Esta derradeira é aconsellable para pasar a noite en Zamora, cidade bonita, cómoda, fácil de andar e con moi boas tapas, nomeadamente as de miúdos e vísceras.

Garza boieira aterrando no lombo dun cabalo en DoñanaAndrés Núñez Rajoy

Un dos anos que fun percorrer Doñana acababa de ser a romaría de El Rocío. Unha das manifestacións relixiosas e populares máis multitudinarias de España. Cada primavera, milleiros de persoas atravesan os camiños de Doñana rumbo á aldea almonteña entre sevillanas, carrozas, cabalos e fervor relixioso. O garda do parque, que nos acompañaba, explicaba como, tras o paso das "Hermandades", os camiños quedaban cubertos de lixo: botellas, latas, papeis e restos abandonados polos romeiros. Mais detrás da imaxe festiva e da tradición centenaria agóchase unha realidade moito menos coñecida: o sufrimento animal e o impacto ambiental que cada ano deixa a peregrinación. Boa parte dos problemas prodúcense cos animais alugados para a romaría. O negocio do alugamento é moi importante e permite que persoas sen experiencia nin coñecementos manexen équidos durante días. "Quen ten un cabalo propio adoita coidalo porque sabe o que custa mantelo", explicaba aquel guía. "Pero cos animais alugados pérdese esa responsabilidade".

Voitre no Parque Nacional de Monfragüe(Cáceres)Andrés Núñez Rajoy

A asociación "El Refugio del Burrito" (https://www.elrefugiodelburrito.org/, asociacion similar á galega ANDREA de protección dos burros, http://www.andreaasociacion.org/), que colabora co Concello de Almonte, leva anos atendendo cabalos, mulas e bois feridos durante a romaría, da conta do mal manexo. As cifras do 2026 volveron acender as alarmas: oito mulas morreron ao incendiarse un camión e xa son dezaoito as reses falecidas relacionadas coa celebración. Din os animalistas que a cifra real podería ser maior, xa que non existe información clara sobre os animais que morren durante a viaxe de regreso. Tamén critican a falta de transparencia do chamado Plan Romero, encargado da coordinación da seguridade durante a romaría. Ata hai pouco emitíanse dous partes diarios detallando incidencias veterinarias. Este ano, segundo denuncian, os comunicados son máis escasos e ambiguos. Tamén a aparición e uso reiterado da palabra "cólico" para explicar moitas das mortes. Veterinarios e animalistas lembran que un cólico pode ter múltiples causas, desde torsións intestinais provocadas por esforzos extremos ata deshidratación, cambios bruscos de alimentación ou falta de auga.

Cada vez son máis as voces que reclaman repensar seriamente o modelo actual da romaría. Porque El Rocío forma parte do patrimonio cultural andaluz, pero tamén Doñana é un patrimonio natural de valor incalculable que volve a sufrir incendios e presión ambiental ligada ás "Hermandades" . Non debemos confundir identidade cultural con impunidade . Non se nos pode facer crer que cando criticamos un sufrimento animal é un ataque aos costumes populares. Non é certo. As tradicións cambian, cambiaron sempre.

A convivencia entre tradición, respecto ambiental e benestar animal semella hoxe máis urxente ca nunca. Hai que adaptarse.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora