Érase un hombre a una nariz pegado,/ érase una nariz superlativa,/ érase una nariz sayón y escriba,/ érase un peje espada muy barbado... (Francisco de Quevedo)
Vivo nun mundo paralelo? O elemento común na política influenciada por Madrid é a súa calidade hiperbólica, a súa esaxeración. Pontevedra é tan insegura como di o voceiro municipal do PP, Rafael Domínguez?. No PP nótase que mudaron moitas cousas desde que entrou Rafael Domínguez como voceiro. Madrileñizou a política local. Busca a confrontación día si, día tamén. Vese que o PP ten un "community manager". Vaia esforzo o deste empregado ter que sacar un tema diario para confrontar ou polarizar. Domínguez quere saír nos medios, non hai día na que non saia a súa fotografía. Encántalle saír nas fotos, nótase. O importante e estar no papeis, saír hai que saír, aínda que se caia en contradicións. Rafael Domínguez quere converter a política local en un enfrontamento continuo con Lores e, como consecuencia, co BNG. Quere facer o mesmo que Ayuso con Pedro Sánchez, polariza que algo queda.
Soubemos do apuñalamento na praza de Barcelos a causa dunha pelexa entre seis mozos e co resultado de tres feridos por acoitelamento. Seica a causa era o control dunha zona de miudeza de droga por cuadrillas. A rápida actuación das forzas de seguridade acabou coa detención de cinco no mesmo día. Pasados uns días detívose ao sexto implicado. Non lle faltou tempo a Domínguez para convocar á prensa, leña a Lores.
E, claro, polarizamos, esaxeramos sobre o que pasou. Por pedir que non sexa. Esixe Domínguez a "inmediata dimisión de Lores como alcalde de Pontevedra" por "ser cada vez máis insegura". Piden que Marlaska explique nas Cortes que pasou en Barcelos. Non se esaxera un pouco? Os datos reais din o contrario, Galicia é a terceira comunidade máis segura do Estado. Pasa como no caso das ocupacións que na realidade é o 0.05% e na mensaxe do PP e Vox parece que é, polo menos, do 50%. Miren ao seu arredor a ver cantos casos de ocupación coñecen. Outra cousa é o problema dos indixentes que dormen nos portais, fan as necesidades onde se atopan ou se emborrachan. É un problema? Si. Hai que buscarlle solución? Por suposto que si. Sei que ten unha solución difícil, hai que buscarlla entre todos. Mais estou certo de que non é un caso de inseguridade cidadá.
Tamén saltaron os sindicatos que por unha beira critican e por outra alaban. Mesturan cousas que fai difícil entendelos. O secretario provincial da Jupol (sindicato da policía nacional asociado á extrema dereita) di: "La situación en Pontevedra se ha vuelto crítica". Os sindicatos da Policía local (CCOO, CIG, SPPME e CSIF), sempre en contra do goberno local, falan de bandas organizadas. Ao mesmo tempo parabenízanse da rápida actuación da policía cas detencións. Hai ou non hai policía? No termo medio teño un amigo policía asociado ao sindicato SUP dime que faltan prazas tanto na nacional como na local e que non están ben pagos. Tamén me conta que en Pontevedra debería haber unha UPR (Unidade de Prevención e Reacción) e que o comisario xefe de Pontevedra xa a tiña solicitada.
Como éramos poucos pariu o PSOE e no pleno extraordinario, que solicitara o PP para abordar os problemas de seguridade na Boa Vila, propón a creación dun "consello, ou comisión de seguridade". É aprobada co voto de ámbolos dous partidos. En fin, logo o PSOE pregunta porque vai a menos. Mércanlle o relato ao PP, eles , ou Iván Puentes, saberán.
Co todo isto preocúpame o que se comentou nos actos do Día Mundial contra a Droga que promovía a Fundación Galega contra o Narcotráfico e que contaba co apoio da Deputación e alí falouse de que 7000 persoas consume cocaína ao mes e máis de 45.000 derivados da marihuana. Parece que o que pasou na praza de Barcelos non pasou porque si. Polo que se ve hai un mercado importante de consumo de drogas.
A esaxeración, a hipérbole é boa para a literatura, ou para a política de Madrid. Nós temos que ser realistas e non crear alarma onde non hai. Coa actuación da Policía Nacional e a Local en Barcelos eu síntome seguro, que queren que lles diga. Se aumentan o persoal aínda mellor.