En contra do que teño por costume, por circunstancias que non veñen ao caso, esta última tempada ando un pouco atrasada no que respecta á actualidade, e, visto o visto, comezo a crer que é o mellor que podo facer, porque creo que, de non ser así, cada vez son unha candidata máis firme á úlcera, da carraxe que moitas veces me ocasiona estar ao día.
Antes de nada, pregaría que, antes de "lincharme" ao ler o título do artigo e non pasar de aí, sacando cada quen as súas conclusións, non sempre atinadas, algo que xa é moi común, porque, lamentablemente, se ve que o de ler está sobrevalorado e hai quen opta por atallar o camiño e pasa directamente ao insulto, continuedes a súa lectura, para entender o por que del e a ironía que, obviamente, encerra.
Hai tan só un par de días, chegou ás miñas mans unha noticia na cal daban conta de que a un acusado de maltratar á súa parella, ao que un xulgado de Betanzos, mediante un auto ditado o 2 de xaneiro deste ano impuxo unha orde de afastamento de nada menos que 500 metros, pola cal se lle prohibía achegarse á residencia da súa ex parella ou lugares frecuentados por ela, independentemente de que estivera ou non presente, así como comunicarse con esta por calquera medio, persoal, telefónico, telemático ou a través de redes sociais, ao mesmo tempo que se acordou a colocación dun dispositivo de control telemático, polo cal non é difícil deducir o perigoso que debe ser este individuo, e que, en consecuencia, a vítima corre un risco sumamente elevado.
Pois ben, malia isto, a Audiencia Provincial acaba de revocar temporalmente as medidas impostas, e permite que se lle retire a pulseira de control "pola súa situación social", como resultado dun recurso do seu avogado no que se solicitaba que se avaliase a situación do denunciado por non ter onde ir e porque a súa familia directa se desentendeu del, sen prexuízo, iso si, de que, chegado o caso, se poida adoptar de novo esta medida "se houbera razóns para isto".
Cando, cando tente matar a vítima, ou, mellor aínda, cando o consiga? Considerarían entón que si, que había razóns para volver a adoptar esta medida?
E, xa no colmo dos desatinos, a Audiencia alega que tal medida "supón unha inxerencia na esfera íntima do investigado". Manteñen, iso si, din, o resto de medidas, é dicir, a orde de afastamento... Aínda lles haberá que dar as grazas!
Ante isto, que se pode dicir? Porque é poñerlle a vítima en bandexa, para que faga con ela o que lle pete, por moi mal que isto soe, e, para máis inri, que sexa a "xustiza" a que lle facilite a tarefa.
Non é difícil imaxinar como se sentirá esta muller. Ignoro, loxicamente, quen é, pero é de supoñer que estará aterrorizada, como o estaríamos calquera outra no seu lugar. Pero, o que máis choca aínda é que, ante uns feitos tan sumamente graves, todo o mundo cale, especialmente certo "feminismo", porque se isto non é outro xeito máis de maltratar, de violencia institucional, que alguén me diga o que é, pero todo o mundo cala.
Onde están agora certos colectivos que, ante noticias ou titulares moitas veces algo máis que dubidosos, sen agardar a constatar se son ou non certos, agarran as pancartas e saen, con ou sen razón, a berrar á rúa, e a facer declaracións con moi pouca ou ningunha rigorosidade informativa, ante algúns medios que lles dan cancha?
Que lles pasa, que temen perder as prebendas que lles dan, ou a non saír nas fotos en certos actos se se pronuncian ante a evidente desprotección a que se está a expoñer a esta muller?
Porque, por desgraza, aos que traballamos día a día con vítimas de violencia machista, xa non nos asombra que se minimice en demasiadas ocasións o risco real que corren as vítimas, pero de aí a retirarlle unha medida de protección priorizando a situación do maltratador ao que lle están a dar un trato como se a vítima fose el, media un treito, e ben grande.
Porque, por se alguén non se decatou, isto é o que están a facer desde a Audiencia: están vitimizando ao maltratador, e maltratando a vítima real á que están expoñendo a un risco aínda maior do que xa corría, ao verse este malnacido practicamente impune.
Claro que sempre queda, no caso de que suceda algo irreparable, que non inevitable, ollo, que non é o mesmo!, o recurso do minuto de silencio, da concentración de repulsa, do fariseísmo dos discursos baleiros, e todos contentos, ninguén perdeu nada, nin arriscou o que a violencia de xénero lles proporciona.
Sempre, desde Si, hai saída, apostamos pola denuncia como o único xeito de tentar fuxir da violencia de xénero, e así o entendimos sempre pero, ao paso que imos, e cada vez máis, ao mellor hai que reconsiderar certos criterios, porque se o propio sistema, a xustiza, prioriza o benestar dos maltratadores á vida das vítimas, nada se pode facer.
Retirar unha medida de protección a unha vítima en beneficio do maltratador non ten escusa posible, nin xustificación. É, sinxelamente, maltrato.