Prioritario, consideración co maltratador

13 de septiembre 2025

Marta Rodríguez Engroba, de "Sí, hai saída", afirma que "apostamos pola denuncia como o único xeito de tentar fuxir da violencia de xénero, e así o entendimos sempre pero, ao paso que imos, e cada vez máis, ao mellor hai que reconsiderar certos criterios"

En contra do que teño por costume, por circunstancias que non veñen ao caso, esta última tempada ando un pouco atrasada no que respecta á actualidade, e, visto o visto, comezo a crer que é o mellor que podo facer, porque creo que, de non ser así, cada vez son unha candidata máis firme á úlcera, da carraxe que moitas veces me ocasiona estar ao día.

Antes de nada, pregaría que, antes de "lincharme" ao ler o título do artigo e non pasar de aí, sacando cada quen as súas conclusións, non sempre atinadas, algo que xa é moi común, porque, lamentablemente, se ve que o de ler está sobrevalorado e hai quen opta por atallar o camiño e pasa directamente ao insulto, continuedes a súa lectura, para entender o por que del e a ironía que, obviamente, encerra.

Hai tan só un par de días, chegou ás miñas mans unha noticia na cal daban conta de que a un acusado de maltratar á súa parella, ao que un xulgado de Betanzos, mediante un auto ditado o 2 de xaneiro deste ano impuxo unha orde de afastamento de nada menos que 500 metros, pola cal se lle prohibía achegarse á residencia da súa ex parella ou lugares frecuentados por ela, independentemente de que estivera ou non presente, así como comunicarse con esta por calquera medio, persoal, telefónico, telemático ou a través de redes sociais, ao mesmo tempo que se acordou a colocación dun dispositivo de control telemático, polo cal non é difícil deducir o perigoso que debe ser este individuo, e que, en consecuencia, a vítima corre un risco sumamente elevado.

Pois ben, malia isto, a Audiencia Provincial acaba de revocar temporalmente as medidas impostas, e permite que se lle retire a pulseira de control "pola súa situación social", como resultado dun recurso do seu avogado no que se solicitaba que se avaliase a situación do denunciado por non ter onde ir e porque a súa familia directa se desentendeu del, sen prexuízo, iso si, de que, chegado o caso, se poida adoptar de novo esta medida "se houbera razóns para isto".

Cando, cando tente matar a vítima, ou, mellor aínda, cando o consiga? Considerarían entón que si, que había razóns para volver a adoptar esta medida?

E, xa no colmo dos desatinos, a Audiencia alega que tal medida "supón unha inxerencia na esfera íntima do investigado". Manteñen, iso si, din, o resto de medidas, é dicir, a orde de afastamento... Aínda lles haberá que dar as grazas!

Ante isto, que se pode dicir? Porque é poñerlle a vítima en bandexa, para que faga con ela o que lle pete, por moi mal que isto soe, e, para máis inri, que sexa a "xustiza" a que lle facilite a tarefa.

Non é difícil imaxinar como se sentirá esta muller. Ignoro, loxicamente, quen é, pero é de supoñer que estará aterrorizada, como o estaríamos calquera outra no seu lugar. Pero, o que máis choca aínda é que, ante uns feitos tan sumamente graves, todo o mundo cale, especialmente certo "feminismo", porque se isto non é outro xeito máis de maltratar, de violencia institucional, que alguén me diga o que é, pero todo o mundo cala.

Onde están agora certos colectivos que, ante noticias ou titulares moitas veces algo máis que dubidosos, sen agardar a constatar se son ou non certos, agarran as pancartas e saen, con ou sen razón, a berrar á rúa, e a facer declaracións con moi pouca ou ningunha rigorosidade informativa, ante algúns medios que lles dan cancha?

Que lles pasa, que temen perder as prebendas que lles dan, ou a non saír nas fotos en certos actos se se pronuncian ante a evidente desprotección a que se está a expoñer a esta muller?

Porque, por desgraza, aos que traballamos día a día con vítimas de violencia machista, xa non nos asombra que se minimice en demasiadas ocasións o risco real que corren as vítimas, pero de aí a retirarlle unha medida de protección priorizando a situación do maltratador ao que lle están a dar un trato como se a vítima fose el, media un treito, e ben grande.

Porque, por se alguén non se decatou, isto é o que están a facer desde a Audiencia: están vitimizando ao maltratador, e maltratando a vítima real á que están expoñendo a un risco aínda maior do que xa corría, ao verse este malnacido practicamente impune.

Claro que sempre queda, no caso de que suceda algo irreparable, que non inevitable, ollo, que non é o mesmo!, o recurso do minuto de silencio, da concentración de repulsa, do fariseísmo dos discursos baleiros, e todos contentos, ninguén perdeu nada, nin arriscou o que a violencia de xénero lles proporciona.

Sempre, desde Si, hai saída, apostamos pola denuncia como o único xeito de tentar fuxir da violencia de xénero, e así o entendimos sempre pero, ao paso que imos, e cada vez máis, ao mellor hai que reconsiderar certos criterios, porque se o propio sistema, a xustiza, prioriza o benestar dos maltratadores á vida das vítimas, nada se pode facer.

Retirar unha medida de protección a unha vítima en beneficio do maltratador non ten escusa posible, nin xustificación. É, sinxelamente, maltrato.

Asociación Si, hai saída