A recente polémica arredor das declaracións de Alberto Núñez Feijóo sobre as baixas por enfermidade e o absentismo laboral volveu acender os debates mediáticos. Desde diversos sectores, medios de comunicación e o propio Partido Popular, téntase branquear a situación, reducindo as súas palabras a un simple "erro de cálculo", un "malentendido" ou un síntoma de quen fala sen pensar. Porén, quen coñecemos de preto a súa traxectoria sabemos que non hai erro nin improvisación. Non é un esvarón; é ideoloxía aplicada.
Para comprender a verdadeira dimensión do personaxe, cómpre analizar as súas orixes. Moito antes de erguerse como o azoute dos dereitos laborais, o mozo Feijóo deu os seus primeiros pasos na administración como funcionario interino da Xunta de Galicia con aspiracións de líder sindical. Naquel entón, o seu obxectivo era que o persoal eventual se convertese en funcionario fixo sen necesidade de pasar por un proceso de oposicións. Tras postularse como representante sindical de UGT e ser rexeitado pola organización, non dubidou en fundar o seu propio sindicato de conveniencia: AFICA (Asociación de Funcionarios Independentes da Comunidade Autónoma) para tentar exercer influencia e acadar os seus obxectivos persoais.
Aqueles inicios como escalador social, impulsado baixo a sombra de Romay Beccaría, camiñaron en paralelo a amizades perigosas e vacacións compartidas co narcotraficante Marcial Dorado, cuxas empresas se beneficiaban de contratos coa propia Xunta de Galicia. Esta metamorfose, que vai de suposto líder sindical a tirano da clase traballadora, anticipaba o modelo que máis tarde aplicaría co poder absoluto na man, como Presidente da Xunta de Galicia.
Para entender o que o Partido Popular pretende proxectar hoxe a nivel estatal, resulta imprescindible xirar a vista cara ao ano 2012. Nese momento promulgouse a Lei 1/2012, do 29 de febreiro de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia. Baixo o pretexto da austeridade, a crise internacional e a redución do déficit, aquela norma serviu para suspender de facto os acordos do V Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral e o Estatuto Básico do Empregado Público. Galicia funcionou como o laboratorio de ensaio dos recortes que agora ameazan con estenderse.
O verdadeiro modelo de xestión que se agocha tras a retórica moderada articúlase a través de medidas drásticas que afectaron directamente os dereitos da clase traballadora:
-
Recortes salariais directos: Aplicouse unha redución fulminante do 25% nas pagas extraordinarias de xuño e decembro.
-
Redución de dereitos laborais: Os días de asuntos propios (os vellos moscosos) minguaron de nove a seis, mimetizando a axenda de recortes a nivel estatal, imposto polo goberno de M.Rajoy.
-
Ampliación de xornadas: Impúxose a xornada de 37,5 horas a sectores con convenios específicos de menor duración, como os Centros de Menores, onde se eliminaron ademais os períodos de vacacións de xuño e decembro.
-
Castigo á incapacidade temporal: Elimináronse os complementos salariais en períodos de baixa, impedindo que o persoal percibise o 100% do seu salario desde o primeiro día, salvo casos de forza maior.
-
Bloqueo da negociación colectiva: Suspendéronse temporalmente todos os convenios sectoriais con beneficios contrarios as directrices de contención da lei.
-
Desmantelamento do escudo social interno: Eliminouse por completo o Fondo de Acción Social para funcionarios e persoal laboral, cualificado desde o executivo como un "privilexio".
-
Destrución de emprego público: Paralizáronse as substitucións e as taxas de reposición minguaron as Ofertas Públicas de Emprego, mentres de xeito paralelo medraba a externalización de servizos cara a amizades e empresas politicamente afíns.
-
Retirada de dereitos básicos: Retirouse o dereito á manutención do persoal de residencias de maiores e escolas infantís cuxo labor educativo ou de coidado implicaba, por natureza, xantar cos usuarios.
-
Eliminación de compensacións por festivos: Suprimiuse a compensación en días libres para as quendas de domingos e festivos. Para un educador medio, isto supuxo traballar preto de 60 días extra ao ano sen ningún tipo de incremento económico ou horario, equiparando os días de descanso obrigatorio por festivos e domingos en xornadas ordinarias.
Se multiplicamos estas variables polos miles de empregados públicos que sosteñen os servizos esenciais, o resultado non é unha busca de eficiencia, senón un aforro contable executado a costa do benestar dos traballadores.
Galicia sufriu e coñece polo miúdo o alcance destas políticas. Ante o intento de desdebuxar o pasado recente, os profesionais e a cidadanía consciente non podemos quedar indiferentes. Temos a responsabilidade pedagóxica de explicar e lembrar que o proxecto actual para o conxunto do Estado non é novo: é a réplica exacta do laboratorio de recortes que xa se ensaiou na nosa terra, un modelo que esixe unha reflexión profunda sobre o futuro dos nosos servizos públicos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.