O Demetrio

23 de maio 2025

Historia ofrecida por Pedro J. Peón Estévez sobre O Demetrio, un suposto navegante cun barquiño e veciño xubilado do mar

A "Volita" Antonia era menudinha, enxoita e graciosa (malfalada, no dicir de algúns).

Aínda que, por veces, lhe falhaba a memoria, sabía unha manchea de contos, refráns e cantares e centos, milheiros, de verbas malsoantes que, a xeito de signos ortográficos, introducía na súa linguaxe coloquial, de xeito inconsciente, natural.

Algunhas veces tennos falado do Demetrio, un suposto navegante que tinha un barquiño. Probablemente un vecinho xubilado do mar como o pai do meu compadre Xulián que tinha unha gamela na enseada de Lourizán para sair pescar algúns peixes para o xantar ou botar unhas nasas da nécora no seu tempo. Había ben delas por alí; unhas á pesca, outras á gancha pero despois veu a celulosa e acabou con todo. Este home igual foi algún antigo mozo seu perdido nas fonduras da súa memoria. Ás vegadas, olhaba pola xanela e, vendo o día ventoso e o mar revolto, dicía: "Está mal tempo; hoxe o Demetrio non vai ó mar".

 

Iso de "Volita" é unha contracción das verbas "abuelita e avoínha", cousa dalgún neto (prabablemente eu) que poucas veces levaba engadido o de Antonia xa que ela era a única avoa que nos quedaba.

Aínda que estaba xa moi acabadinha, sempre estaba a facer algo; o xantar, tecer, barrer, dar de comer ós bichos, coidar das plantas, pandeiretar e cantar e mil labores máis.

Estoutro día dixémoslhe que lhe dedicaban o Dia das Letras como pandeireteira-cantareira que era e ela preguntounos:

- E que dan ?

- Coido que non dan nada, volita…

- Pois daquela que vaian cagar. A min abóndame con cantar para vós. A ver, traédeme a pandeireta que lhe imos botar un cuplé:

"Cuando paso por tu puerta niña,

se m’endereital palo del bastón,

porque tienes una regadera

debajo de-jode-jode tu balcón.

 

Hay que ver como lucen tus geranios

que del barrio son l’admiración

y se alborota todo el vesindario

cuando sales al balcooón.

 

Cuando paso por tu puerta niña

con las pingueras que caen del balcón

me se arrefría esta calentura

que llevoen el pan-ta-lón….."

 

Cando lhe preguntamos pola procedencia de tan raro cantar, dixo non sabelo, e engadiu:

- Igual foi algunha "vedete" daquelas que cantaban no Kursal antes da gherra. Despois contounos algunha daquelas historias autobiográficas, un tanto maquilhadas, pero ás veces perdía o fío e calaba, intentando lembrar sen conseguilo. Daquela eramos nós os que rematabamos o relato. No final dicía ela entre intrigada e desconfiada:

- E vos como sabedes iso …?

Sabiamos iso e moito máis poque xa nolo tinha contado ducias de veces.

Nunca facía caso da televisión pero sempre sentaba fronte dela calcetando, facendo ganchillo ou, simplemente, durmindo. Pero algo oíu que a fixo acordar. Entón arregalou os olhos e, sinalando a pantalha co furabolos teso, dixo con axitación:

- Velaí, velaí está me valgha el sielo !

- O que volita ? - pregunteilhe.

- E logo non o ves …? O "Demetrio" está outra vez en Sanxenxo !