Solidariedade ou espello social?

13 de decembro 2025

Achégase o Nadal, e con el, un ritual agridoce que define a época: a intensificación simultánea da opulencia e a solidariedade. As luces acéndense nas rúas, convidándonos ao consumo, mentres as campañas de recollida de alimentos e xoguetes actívanse cunha urxencia conmovedora. Este contraste, tan visible, pon de manifesto a dualidade incómoda da nosa sociedade: a festa do malgaste convive, a poucos metros, coas necesidades máis perentorias.

Non cabe dúbida de que o Nadal actúa como un poderoso catalizador das accións solidarias —as colectas veciñais ou as campañas de "Agasallo Solidario" organizadas polas asociacións locais— son actos de bondade que merecen todo o noso recoñecemento e gratitude.

Con todo, debemos ser honestos e mirar máis aló da nobreza do xesto. Estas accións, aínda que necesarias para mitigar o sufrimento inmediato, son a miúdo síntomas e parches temporais a fallas estruturais moito máis profundas. A masiva activación da caridade do Nadal, en esencia, funciona como unha privatización da solidariedade. O Estado, que debería garantir a xustiza social, parece delegar ou trasladar á sociedade civil — ás ONGs, á igrexa, ás persoas voluntarias e ás familias doantes— a súa responsabilidade de corrixir as enormes desigualdades existentes.

Esta dinámica é especialmente preocupante cando observamos a crecente erosión do Estado do Benestar. Tradicionalmente, a clase media foi o motor da cohesión social, pero hoxe unha parte significativa está a experimentar un progresivo empobrecemento.

Así, observamos como familias que até hai pouco eran doantes nas campañas do Nadal atópanse agora como potenciais receptoras. Este é o indicador máis claro da fractura social: a vulnerabilidade xa non se limita aos grupos historicamente excluídos, senón que se estende e golpea ás novas xeracións, atrapadas na precariedade laboral, e ás clases medias que loitan por manter a súa dignidade.

A sanidade, a educación e a asistencia social non son un pesado lastre burocrático nin unha caridade para os pobres; son o cimento da dignidade humana e do estado do Benestar.

Por iso, debemos rexeitar os discursos simplistas e interesados, que buscan debilitar estes alicerces. Habitualmente, escoitamos, sobre todo en partidos que se definen como de dereita, cuestionar prestacións como o Ingreso Mínimo Vital ou reclamar rebaixas fiscais radicais para os máis ricos. E que dicir da ampliación de concertos coa sanidade e a educación privadas, baixo a retórica da "liberdade de elección", que non fan máis que desviar fondos públicos cara ao beneficio privado. Todo orientado a converter á cidadanía en clientela atrapada, obrigada a pagar pola súa supervivencia, mentres se debilita a protección colectiva.

É obvio que a necesidade de calquera empresa privada é maximizar o beneficio. Ao xestionar servizos públicos esenciais (hospitais, escolas ou residencias de maiores) mediante concertos, os fondos financiados polos nosos impostos, que deberían destinarse integramente a mellorar a calidade, aumentar o persoal ou renovar infraestruturas, transfórmanse parcialmente en marxe de ganancia para os accionistas.

O problema fundamental non é a existencia da empresa privada, senón que unha porción considerable dos recursos públicos, destinados a garantir a universalidade e a equidade en sanidade, educación e servizos socias, externalízase e convértese en lucro corporativo. Esta dinámica debilita o sistema público, drena recursos vitais para o Estado de Benestar e xera unha desigualdade palpable no acceso a servizos básicos. A xustiza social esixe que este proceso sexa cuestionado moi seriamente se queremos consolidar o benestar de toda a comunidade.

O Nadal, co seu emotivo "efecto chamada", é o espello sociolóxico dun sistema. Cada xoguete doado e cada quilo de alimento recolleito non só é un acto de amor e de xenerosidade, senón tamén un recordatorio incómodo das reformas e medidas de xustiza social que se pospoñen.

En fin, celebraremos o Nadal coa conciencia tranquila grazas á cesta de comida que doamos, esperando que o ano que vén, quen máis evaden impostos, tamén nos dean o permiso moral de seguir sendo solidarios.