Onte contactou comigo unha das nosas usuarias de Si, hai saída para comentarme algo que a estaba a preocupar moito e que xa non sabía moi ben como afrontar, malia que, de entrada, pode semellar unha parvada, mais eu concordo totalmente con ela en que non o é en absoluto. Todo o contrario.
Esta muller, imos chamarlle María, ten un fillo, un neno de 11 anos, imos chamarlle Mateo. Ambos veñen de vivir unha situación de violencia de xénero que non se pode cualificar máis que de terrible, pero que, afortunadamente, xa está superada no eido legal e agora, nai e fillo, están recibindo axuda psicolóxica para poder, igualmente, superalo emocionalmente. Nada doado, francamente, despois do horror que viviron, pero tamén é certo que a ambos se lles nota que progresan.
Non volveron saber nada do seu agresor, afortunadamente, malia que, aínda así, teñen unhas medidas de protección en vigor, e van saíndo adiante co escaso soldo de María, que conseguiu un traballo a media xornada, e algunha escasa, moi escasa, axuda social, que se fixo agardar moito, demasiado -ese é outro tema que merece ser tratado polo miúdo-, mais, cun enorme esforzo pola súa parte, que se priva de todo agás daquilo que non é totalmente imprescindible. Mateo é, porén, e malia todo o horror vivido que, naturalmente, lle deixou pegadas, un neno razoablemente feliz, mesmo de risa fácil, que ten amigos, bo estudante, e que non supón para a súa nai máis preocupación que a lóxica e normal que implica tal condición, coma para todas as nais.
Tampouco o feito de non ver o seu pai, que desistiu da súa condición como tal hai tempo, nin ter ningunha noticia del, por fortuna para ambos, semella preocuparlle, senón que, pola contra, o agradece.
Mais os días do inicio das vacacións de Semana Santa non parecía o mesmo. Estaba triste, apagado, e cando súa nai lle preguntaba a razón, ao principio respondía que non lle pasaba nada, ou, como moito, que se aburría porque botaba de menos o contacto cos seus amigos, xa que é fillo único e, en consecuencia, non ten con quen xogar, algo que non é novo, pero que nunca supuxo un problema importante, mais nesta ocasión parecía estar afectándolle dun xeito especial.
Finalmente, e despois de moita insistencia por parte de súa nai, Mateo confesoulle, con bágoas nos ollos, que, efectivamente, estrañaba os amigos, porque todos marcharan de viaxe coas súas familias, algo que eles nunca podían facer, pero que había algo máis que o tiña moi preocupado e que non sabía como resolver: que o último día de clase antes das vacacións, a profesora lles dixo que prestasen moita atención a todo canto ían ver e visitar nas súas respectivas viaxes, e que, como tarefa antes de retomar as clases, e de cara ao inicio o primeiro día, levasen unha redacción sobre isto, que lerían na clase, algo que, obviamente, el non podería facer porque non ían a ningures, e xa chorando abertamente, confesoulle á súa nai que estaba farto, que sempre lle pasaba o mesmo tras todos os períodos vacacionais ou pontes, e que xa non sabía que inventar.
A María caeulle a alma aos pés, á vez que se sentiu indignada, e con toda a razón. Tentou explicarlle a Mateo que non todo o mundo viaxa, e que hai moitos xeitos de lecer sen saír da cidade, que podían saír pasear, ir ao cine, a merendar, facer deporte... en resumo, levar a cabo xuntos moitas actividades que, decotío, polos seus respectivos traballos e estudos, non tiñan tempo de facer e que podían ser tanto ou máis gratificantes que viaxar, xa que desfrutarían xuntos, e iso é o máis importante, que non sempre é máis feliz quen máis lonxe se vai, ou quen máis diñeiro gasta, senón quen máis amor ten, e que, dese, eles teñen de sobra, e do bo. Que dos plans que ela lle estaba a propoñer escollera os que máis lle apeteceran, que os farían, dentro das súas posibilidades, xa que os cartos son os que son, é dicir, escasos, algo que el sempre comprendeu e comprende perfectamente, e que os contara tal cal, porque non era vergoña ningunha. Todo o contrario, e que desfrutar, pasalo ben, non implica, necesariamente, viaxar quilómetros e máis quilómetros, que esa é unha opción máis, coma tantas outras, pero, desde logo, non a única.
Un excelente argumento que, en principio, as cousas como son, non pareceu convencer a Mateo, pero que, finalmente, semellou aceptar de bo grado, pero, non obstante, María está preocupada e non lle faltan motivos, francamente.
É absolutamente intolerable que, a estas alturas, aínda queden docentes que persistan nestas prácticas que, ademais de obsoletas, son claramente discriminatorias, e implican unha gran dor para moitos nenos, evidenciando, ademais, que non teñen, ou non queren ter, nin a menor idea de como evolucionou a sociedade, sexa para ben ou para mal, porque, evidentemente, de todo hai.
Non se pode consentir que se faga sufrir a ningún neno por non poder permitirse luxos que se dá por sentado que están ao alcance de todo o mundo, cando non é así. Pola contra, a eles, educadores, lles corresponde, pola parte que lles toca, axudar a entender que todos eles son iguais, independentemente do poder adquisitivo das súas respectivas familias. Abondo teñen coa realidade que se atopan fóra das aulas, que son toda unha oda ao consumismo, ao materialismo máis noxento, como para que aqueles que xogan un papel fundamental na súa educación contribúan a fomentar e alimentar esas diferenzas.
Non ten xustificación algunha que aínda hoxe en día, que todos temos, ou deberíamos ter, conciencia de que existen multitude de problemáticas sociais, e en especial eles e elas, educadores e educadoras, se continúen mantendo costumes coma as que vivimos os nenos e nenas alá polos anos 70, na EGB, que, por exemplo, o 7 de xaneiro, primeiro día de clase despois de Nadal, levabamos ao colexio algún xoguete que nos trouxeran os Reis, o que supoñía unha verdadeira tortura para algúns, en cuxa casa os Reis non se detiveran ou os agasallos que deixaran eran moito máis humildes que os do resto dos nenos e nenas.
Non se pode permitir que un profesor ou profesora, en vez de fomentar a igualdade entre os alumnos, como é a súa obriga, alimente todo o contrario, causándolles tristura e frustración, algo que non soamente lles fai sufrir nese momento, senón que lles deixa pegadas de por vida, sen ningunha dúbida.
Non dubidei en aconsellarlle a María que acudira a falar coa profesora do seu fillo para facerlle ver isto e mesmo me ofrecín a acompañala se consideraba que lle podería servir de axuda, algo que agradeceu e aceptou, e que, de repetirse, presentara unha queixa formal onde e a quen procede, e non soamente por Mateo, senón por moitos máis nenos e nenas que, lamentablemente, están a vivir o mesmo.
Educar marcando diferenzas non é educar, é causar un dano irreparable, e se alguén que está nesta tesitura non é quen de entendelo, debería considerar dedicarse a outra cousa, e non a danar a nenos e nenas de por vida.