Tarde, mal ou cando xa non hai remedio

05 de outubro 2025

Marta Rodríguez Engroba, de Si, hai saída, escribe sobre "a inxustificable e ás veces letal constante da "loita" contra a violencia de xénero"

Non hai arranxo posible, nin vontade de que o haxa.

A violencia de xénero era, é e, polo que se ve, seguirá sendo un delito de segunda, terceira ou saber xa que categoría, e nada se vai facer para mudar esta letal realidade que, se ben é certo que sucede en todo o Estado, cobra unha especial relevancia en Galicia.

Esta mesma semana que remata, a Fiscalía Xeral do Estado, na súa memoria correspondente ao pasado ano, deixa ben claro o atraso que os informes de valoración forense integral sofren na nosa comunidade autónoma, concretamente arredor dunha media de 9,5 meses, que chega a elevarse mesmo a 14, como é o caso de Pontevedra.

Por se alguén dubida ou descoñece a utilidade ou a importancia destes informes, aclaramos que son imprescindibles para apoiar as sentenzas dos xulgados de violencia de xénero, e consiste nun informe pericial feito polas UVIF (Unidades de Valoración Forense Integral), un equipo formado por profesionais da medicina, da psicoloxía e do traballo social que se encargan de valorar as pegadas que a violencia de xénero provoca nas vítimas, así como, algo isto tamén sumamente importante, na súa contorna, e que resultan, porén, imprescindibles para as posteriores medidas ditadas polos xuíces.

Como se pode deducir disto, son fundamentais. Non estamos a falar dun mero trámite burocrático, senón dunha ferramenta vital para elas, que tería que comezar desde o mesmo momento no que a vítima presenta a denuncia, e que non soamente non é así, senón que nalgúns lugares non contan con ela ou, no "mellor" dos casos, alegan falta de persoal ou a carencia de equipos de garda para realizar valoracións urxentes, o que dilata de xeito inevitable e excesivo os tempos de resposta, co gravísimo risco que isto implica.

Unha vez máis, temos que recordar que, en violencia de xénero, cada segundo conta, e que, unha vez que denuncian, as vítimas precisan apoio e protección inmediatos, pero que, lamentablemente, cada vez máis, estamos a comprobar que, lonxe de ser así, o feito de denunciar as pon aos pés dos cabalos.

Alguén se pode imaxinar, por un só momento, o que supón para estas mulleres agardar 14 meses, máis dun ano!, por un informe fundamental para a súa protección, mentres en moitísimos casos o seu agresor se pasea tranquilamente, con toda impunidade?

Non se pode ter a ninguén vivindo nese estado de terror, completamente fundado, durante meses e meses, pero, por máis que se negue, a violencia machista segue a valorarse como un delito "secundario".

Se falta persoal, non é culpa nin responsabilidade das vítimas, obviamente, e non teñen, en ningún caso, que sufrir as consecuencias, unhas consecuencias que lles pode custar mesmo a vida, como xa pasou tantas veces, sen que se tomase ningunha medida ao respecto.

Arremeter contra a xustiza, contra os xuíces, é doado, pero para nada se ten en conta todo o proceso anterior, desde o momento mesmo no que a vítima denuncia, que lles impide actuar, porque non dispoñen dos elementos nin da información básicos para emitir unha resolución.

Atestados policiais moitas veces máis que cuestionables que non teñen en conta para nada nin reflicten o lamentable estado emocional ou mesmo físico no que as vítimas acoden a denunciar, test de valoración do risco (VioGén) que emite, curiosamente, case sempre, un nivel de risco inferior ao real, sistemas de protección que fallan ou que non se aplican para nada... etc., etc., etc.

E, por se isto non abondase, e nisto si que, curiosamente, hai "quórum", a única "solución" que se aplica con rigorosidade é a de quitarnos do medio aos que realmente traballamos coas vítimas, estamos ao seu carón e damos a voz de alarma do que realmente está a acontecer. Hai que calarnos como sexa e, evidentemente, non é doado enfrontarse a todo un sistema, porque é de sentido común que levan todas as de gañar, o mesmo que os seus "afíns", aos que se recompensa xenerosamente polos seus esforzos.

Polo que a Si, hai saída atinxe, non imos mentir e negar que isto faz que a nosa labor sexa moito máis difícil e dura, pero non estamos dispostos a tirar a toalla e, dun ou doutro xeito, seguiremos na procura de axudar a estas mulleres e, por suposto, de seguir falando alto e claro do que cremos que non se está a facer ben.

Cando as cousas se fan de corazón, sácanse forzas de onde sexa, e ese é o motor que nos move cada día. Non perdemos a esperanza de que algún día, pouco a pouco, todo ese negocio inmoral que se teceu e se agocha ao abeiro da violencia machista saia, por fin, á luz, e ese día si que poderemos dicir que a loita real comezou.

Asociación Si, hai saída