Alerta sobre a situación de desprotección das vítimas de violencia machista

05 de decembro 2025

A Asociación Si, hai saída alerta sobre a grave situación de desprotección das vítimas de violencia machista durante este mes de decembro

Como cada ano, desde a Asociación Si, hai saída, alertamos da gravísima situación de desprotección que sufrirán as vítimas de violencia de xénero por mor das pontes e datas de Nadal, e que se fai especialmente evidente este ano, no que, dado como coinciden os días máis sinalados, durante, como mínimo, 23 deles, estas mulleres, os seus fillos e fillas, quedan á mercé dos seus maltratadores, xustamente cando máis risco corren polos factores que todos coñecemos (intercambio de menores, máis horas de convivencia, xuntanzas familiares, consumo de alcohol e outras sustancias, etc.), coas Ufam (Unidade de Familia e Muller) baleiras e os xulgados baixo mínimos.

É absolutamente intolerable e imperdoable que, cando xa contabilizamos 43 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas, e ante evidencias tan graves de desprotección como os fallos das pulseiras electrónicas, que se agochou durante tanto tempo, do que ninguén asume responsabilidades e que non se sabe cando se solucionará de xeito definitivo, se é que isto chega a suceder nalgún momento, se xogue, dun xeito tan irresponsable coas súas vidas, coas de menores, en aras do lecer daqueles encargados de protexelas e que terían que estar máis atentos que nunca para previr, na medida do posible, o que pode ser irreparable, como máis asasinatos machistas.

Ninguén pon en dúbida o dereito ao descanso e ao lecer destes, se supón, profesionais, encargados de protexelas, a elas e aos menores, pero entendemos que se trata, sinxelamente, dunha cuestión de organización, de vontade e de concienciación que, obviamente, non existen, deixando perfectamente claro a consideración real que lles merece unha lacra tan letal como é a violencia de xénero.

Chegamos a un punto no que está a dar a sensación de que xa se normalizou substituír a prevención, a protección, polos minutos de silencio, dos que xa non é preciso opinar. Non soamente non serven de nada, senón que fomentan o utilizar as vítimas para facer política e para o postureo.

Estamos a falar de vidas, de seres humanos, algo isto que cada vez se ten menos en conta nuns eidos e nunha sociedade en xeral cada vez máis deshumanizados.

Asociación Si, hai saída

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora