Alexandre Bóveda e Xosé Filgueira Valverde, dous "irmáns" e obreiros da causa galega

11 de febreiro 2025

Bóveda chega nos anos vinte do pasado século a unha Pontevedra que acollía ao melloriño de Galicia, foi unha etapa dourada, aquí estaban: Losada Diéguez, Castelao, Casto Sampedro, Iglesias Vilarelle, Francisco Xavier Sánchez Cantón, Daniel de la Sota, os Pintos, os Sobrino, as Mendoza...

 

Bóveda e Filgueira
Bóveda e FilgueiraXermán Torres

Alexandre Bóveda e Xosé Filgueira Valverde foron verdadeiramente amigos e "irmáns" na causa galeguista. Dous seres humanos extraordinarios, dous homes superdotados nas súas respectivas esferas de traballo e de coñecementos, que puxeron ao servizo de Galicia e da lingua galega.

A traxedia de 1936 crúzase nos seus destinos e frustra as súas vidas e xa nunca máis nada sería igual. O conflito fratricida que xorde por intereses dos poderosos que non queren perder o dominio sobre a nosa maltreita España fai que todo semelle un fracaso colectivo, pérdese a capacidade de diálogo, de comprensión, de consenso; pero o detonante é o intento de golpe de estado inicialmente fracasado e longamente preparado que divide o país e conduce a unha triste e lamentable guerra que provoca dor, sufrimento, miseria e morte. Todos fomos vítimas destes sucesos de xullo do 36 que desencadean a violencia entre irmáns, pero todo se viña xestando desde moito tempo atrás que llo digan aos xenerais Sanjurjo e Mola, entre outros, trama civil incluída, que viñan conspirando desde os inicios da II República. A enxurrada conspiradora e fascista levounos a todos ao desastre.

Bóveda chega nos anos vinte do pasado século a unha Pontevedra que acollía ao melloriño de Galicia, foi unha etapa dourada, aquí estaban: Losada Diéguez, Castelao, Casto Sampedro, Iglesias Vilarelle, Francisco Xavier Sánchez Cantón, Daniel de la Sota, os Pintos, os Sobrino, as Mendoza..., mesmo un mozo moi brillante Xosé Filgueira Valverde, fillo de don Xosé María Filgueira Martínez (médico moi querido e lembrado de Pontevedra) e afillado de don Enrique de la Ballina (o querido médico de Lérez), por tan só citar aos elementos máis representativos.

Na Deputación Provincial, presidida por Daniel de la Sota, colaboraron nada máis e nada menos que Losada Diéguez, Castelao e Bóveda, aínda que por breve tempo por ter fracasado a idea da Mancomunidade de Galicia, tempo breve pero de grandes resultados: becas para os artistas, creación do Museo de Pontevedra, fundación da Caixa de Aforros de Pontevedra (cuxo primeiro director foi o mesmo Bóveda, que axudou na súa posta en funcionamento), acollida e posta en marcha da Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra.

Como experto en finanzas, Bóveda actualiza e dinamiza a xestión na recadación da Deputación, poñendo orde e sentido común nas chamada cédulas, asunto que tristemente lle pasaría un custe moi alto. Xa dixemos que axuda a fundar e a inaugurar a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, asumindo incluso a súa dirección.

Ademais aínda tiña tempo para actividades culturais e políticas, é membro da Coral Polifónica e colabora nos traballos preparativos e fundacionais do Partido Galeguista (5 e 6 de decembro de 1931), xunto cun mociño Filgueira Valverde, amigo e "irmán", os dous eran uns mociños brillantes, de grande intelixencia, a esperanza dun mellor porvir para Galicia. Os dous participan moi activamente na Asemblea Constitutiva do Partido Galeguista (PG) en Pontevedra. Os dous traballan a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia, no proxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936). Bóveda tería un papel moi destacado nas Asembleas dos Concellos de Galicia de traballo polo Estatuto, encargándose das cuestións económicas, orzamentarias, financeiras, fiscais. Temas nos que era un brillante experto, non hai que esquecer que el era un cualificado funcionario da Delegación da Facenda de Pontevedra. As súas ideas económicas e fiscais aínda hoxe serían moi aproveitables e beneficiosas para Galicia. En síntese, entre outras cousas, sostiña que Galicia tiña que recibir e administrar todos os seus impostos. Pois nestes asuntos a nosa Comunidade saía moi prexudicada e marxinada. Temas de plena vixencia e non estaría mal contemplar e ter en conta todas estas ideas e propostas de Bóveda.

Bóveda e Filgueira compartían amizade e moitas inquedanzas culturais, políticas; os dous soñaban e querían unha Galicia mellor máis xusta, máis rica, máis igualitaria. O devir dos acontecementos históricos truncaría e desbarataría soños e vida, o relato dunha frustración da que seguiremos a falar, para coñecer a nosa historia e procurar non caer en erros pasados, asunto que parece de realización difícil; pero, non imposible, de todos depende, iremos vendo.

 

PARA MÁIS INFORMACIÓN:

 

A.A.V.V., "Bóveda Iglesias, Alexandre" en Gran Enciclopedia Gallega. Tomo 4. (Vitoria: Silverio Cañada, 1974), 39-41.

 

Ledo Cabido, Bieito (Ed.-dtor.), "Bóveda Iglesias, Alexandre" en Diccionario Enciclopédico Galego Universal. Tomo 10. (Vigo: Ir Indo, 2003), 70.