A Xunta Directiva da "Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra" (APDR), quere manifestar a súa enorme ledicia pola decisión da Xunta de Galicia de arquivar definitivamente o proxecto que ALTRI tiña solicitado para Palas de Rei, na comarca da Ulloa, unha decisión que nos foi comunicada hoxe ás persoas e colectivos interesados.
Desde o primeiro momento, na APDR entendemos que a falta de "conexión eléctrica", como consecuencia da decisión do Goberno Central de excluír o proxecto da planificación enerxética 2025-2030, que motivou o arquivo por parte da Xunta, supuña o decaemento do expediente de ALTRI, o fin da súa tramitación.
A nosa convocatoria en maio pasado dunha MANIFESTA en Pontevedra respondía á convicción de que o arquivo de ALTRI era definitivo, e había que empezar a celebralo.
Había que celebrar xa o trunfo indiscutíbel e histórico da vontade do pobo galego, expresada na participación masiva nas numerosas mobilizacións convocadas ao berro de "ALTRI NON", porque este arquivo non se tería producido nunha situación de desmobilización social.
Tede a seguridade de que na APDR seguiremos chamando á mobilización social para impedir que un novo proxecto contaminante e depredador dos nosos recursos poida manter acesa a ameaza que ALTRI representaba para o noso país; que imos seguir loitando pola defensa do noso medio natural, pola diversificación de usos no monte galego, por unha política forestal que prime as especies "autóctonas" en detrimento do eucalipto, e polo interese público galego fronte a proxectos que, coma a presenza da Celulosa de ENCE na Ría de Pontevedra e tantos outros, ameazan hoxe o noso futuro.
"NIN ENCE NA RÍA, NIN ALTRI NA ULLOA... CELULOSAS FÓRA!"
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.