O pasado 5 de xullo, o cemiterio parroquial de San Vicenzo de Cerponzóns converteuse no escenario dunha iniciativa pioneira coa colocación do primeiro código QR nun panteón familiar.
Promovida pola AVV O Chedeiro, coa colaboración das familias descendentes das ramas Esperón– Recarei e Costas–Esperón , esta iniciativa pretende unir tradición e novas tecnoloxías para preservar e transmitir a memoria familiar ás xeracións presentes e futuras.
Ao escanear o código QR cun teléfono móbil, calquera visitante poderá acceder á biografía das persoas enterradas no panteón, coñecendo quen foron, como viviron e cal foi o seu legado familiar.
Deste xeito, o monumento funerario amplía a súa función tradicional e convértese tamén nun espazo de memoria accesible e permanente.
“Unha familia que coñece as súas raíces é unha familia máis forte, máis consciente da súa identidade e máis orgullosa da súa historia. Mentres exista quen lembre, quen lea os seus nomes e quen coñeza as súas historias, eles seguirán formando parte de nós.”
Esta actuación dá continuidade ao paso realizado en agosto do pasado ano, cando as inscricións do panteón foron adaptadas ao galego. A decisión responde á vontade da familia de lembrar aos seus devanceiros na lingua que falaron ao longo da súa vida e coa que contribuíron á historia e á cultura da nosa terra.
O proxecto nace desde o respecto absoluto a todas as opcións persoais e pretende ser unha mostra de que tradición e innovación poden convivir. As novas tecnoloxías ofrecen hoxe ferramentas que permiten conservar e transmitir a memoria sen alterar a solemnidade nin o respecto que merecen os cemiterios.
Esta iniciativa conta co apoio da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNL), entidade que promove o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade, tamén no patrimonio e na memoria colectiva.
Os códigos QR están a consolidarse en Galicia como unha nova forma de conectar o patrimonio funerario coa memoria dixital, facilitando o acceso á historia das persoas e das familias mediante recursos tecnolóxicos sinxelos e ao alcance de calquera.
Con esta instalación, San Vicenzo de Cerponzóns incorpora o primeiro código QR do seu cemiterio parroquial, converténdose nun exemplo de como é posible preservar o pasado empregando as ferramentas do presente.
A iniciativa nace co desexo de que outras familias poidan atopar nesta experiencia unha forma máis de manter viva a memoria dos seus seres queridos, reforzando ao mesmo tempo o coñecemento das raíces familiares e o valor da lingua galega como patrimonio común.
EN GALEGO, AGORA E SEMPRE.