Esfinxe abellón

18 de xullo 2026

Gonzalo Sancho Blanco escribe sobre a esfinxe abellón, lepidóptero inofensivo que imita os abellóns e destaca como veloz polinizador en espazos naturais como o río Gafos

Hemaris fuciformis (Linnaeus, 1758)

A esfinxe abellón, da familia Sphingidae, tamén chamada esfinxe de orla ancha é un lepidóptero como son as bolboretas. De nome científico Hemaris fuciformis: Hemaris de hematos en grego: sangue, pola cor da banda alar. E fuciformis. Fücus-i: abellón. Con forma de abellón.

Nunha primeira ollada e por tamaño semella un abellón. Mesmo as flores da estruga morta maculata, das que está libando á da nosa foto, son visitadas a cotío polos abellóns Bombus terrestris e B. pascuorum. Tamén hai quen asegura que é un colibrí. En Galicia, como no vello mundo non hai colibrís. (Os fósiles alemáns do Oligoceno, deste paxaro, non veñen ao caso). Anque a primeira vista non semella bolboreta nin avelaiña, hai que agrupala na mesma orde taxonómica, nunca na dos abellóns.

Dende logo a súa velocidade de voo é moito máis rápida e uniforme que a das bolboretas convencionais e podería competir, en tal sentido, cos abellóns.

Súas eirugas aliméntanse de chapizos e chuchameles. De adultos zugan inquedas o néctar de moitas flores nun voo sostido e zigzaguento de grande precisión, alongando a súa espiritrompa sin necesidade de pousar na flor, anque normalmente afiánzanse coas patas dianteiras sobre os pétalos, sin deter o aleteo.  Todo un espectáculo!

É unha especie non moi abondosa. Non ten veleno, nin pica. Poliniza as flores en troques dun pouco de néctar e alegra o noso paseo polo río Gafos de xeito gratuito.

Esfinxe abellónGonzalo Sancho

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora