O galego, esa lingua que me ensinaron a sentir

25 de xullo 2025
Actualizado: 10:23

O galego, unha lingua que hoxe teño que defender. O galego fálase como se pode e como se sabe, o peor galego é o que non se fala

Neste venres, Día de Galicia, quero levantar a voz. Non para celebrar sen máis, senón para lembrar, agradecer e, sobre todo, reclamar. Quero falar da lingua que me viu medrar, da que me ensinou a ver o mundo tal e como é, da que me deu palabras para sentir e nomear a vida: o galego.

Teño que culpar aos meus avós de Cerponzóns e de Campañó por me falaren en galego cando era pequeno? Ou debería agradecerlles que, malia todo, non deixaran morrer a súa lingua, a nosa lingua, falándoma día tras día? Que culpa tiveron meus pais, a miña familia, os amigos, os veciños? Todos me falaron en galego… como non ían facelo, se era o idioma no que se falaba de todo o que importaba: do tempo, das colleitas, das dores, das alegrías, do futuro e do pasado?

Na taberna dos meus pais, desde ben cedo pola mañá ata altas horas da noite, o galego era o pan de cada día. Por alí pasaban camioneiros, muiñeiros, tractoristas, curas, canteiros, modistas, albañís, estudantes, agricultores, mecánicos, barrendeiros… mulleres que viñan mercar o necesario para a casa ou para os animais, rapazada que baixaba despois da misa a buscar un caramelo ou un xeado de corante e auga… E todos falaban galego, coa naturalidade coa que se respira.

Só uns poucos, aqueles que viñan de fóra: turistas, representantes de chocolates Chaparro, do deterxente Tu-tú ou de coñac Soberano, rompían esa música diaria co castelán. E aínda así, o noso galego mantiña o seu pulso vivo, firme, digno.

Pero despois veu o colexio. Veu o instituto. E veu o medo.

En calquera dos sete centros polos que pasei, o galego era motivo de castigo, non de orgullo. Lembro ben aquelas varas, aqueles brazos en cruz co peso dos libros, as labazadas por sorpresa, as risas dos compañeiros… as regras que non medían, senón que doían. Todo por falar galego. Todo por non falar como querían outros.

Había nenos que xa non o falaban na casa, e así, pouco a pouco, foi entrando o exterminio invisible, o silencio imposto, a vergoña inoculada.

Moi novo comecei a traballar, con só dezaseis anos. E alí tamén, o mesmo: o galego non era benvido. Non estaba ben visto. Na mili, tampouco, agás cun sarxento chusqueiro que falaba máis galego ca moitos políticos actuais, todo hai que dicilo (e rírse tamén).

Hoxe en día, tento falar galego en todo o que fago. Nas conversas, nos escritos, nas entrevistas, nos actos nos que participo como directivo de diferentes asociacións. Coas administracións, cos medios de comunicación, cos cargos públicos… e ás veces, si, teño que explicarlles que falar galego non é unha excentricidade, é unha responsabilidade.

Cando alguén me di que non sabe falar galego, eu sempre lles respondo o mesmo:

O galego fálase como se pode e como se sabe, o peor galego é o que non se fala. O que se cala, o que se esquece, o que se deixa morrer.

Porque… quen de nós non está orgulloso dos produtos galegos? Do marisco, do viño, das patacas, do pan, da carne? Quen non defende o noso rural, os montes, as festas, o patrimonio? E non imos estar orgullosos da nosa lingua? Que mal nos fixo?

Cando falamos da desaparición do galego, deixemos de buscar culpables fóra. Non miremos a Madrid, nin a Bruxelas, nin á Xunta, nin só aos mestres ou aos políticos. Non. Miremos para nós. Todos. Porque todos somos culpables.

Desde o que monta unha empresa e pon todo en castelán, ata o que atende un comercio e non ofrece a opción de falar en galego. Desde os que programan actividades culturais ignorando o galego, ata os que educan fillos e fillas nun idioma que non é o que mamaron eles mesmos. Todos temos algo que cambiar.

Estamos a tempo. Eu creo que si.

Pero o tempo non agarda.

Hai países no mundo onde unha lingua é tratada coma ouro. En Euskadi, en Cataluña, en Valencia, en Irlanda, en Quebec… a xente defende o seu idioma a capa e espada, sen complexos. Aquí parece que pedir que falemos galego é molestar, é dividir, é ser “radical”.

Pois non: o que divide é desprezar o que somos. O que é radical é renunciar á nosa identidade.

O galego non é só unha materia escolar, nin unha ferramenta administrativa, nin un capricho romántico. É o ADN do noso pobo. E se o deixamos morrer, morremos un pouco con el.

Así que neste Día de Galicia, fagoche unha pregunta:

Ti, que vas facer polo galego a partir de mañá?

Porque o galego non precisa mártires, nin heroes. Precisa xente coma ti, que o fale.

Precisa que o vivas. Que o escribas. Que o pases adiante.

Fala galego. Vive en galego. Loita polo galego.

Ou non te chames galego.

O ROQUE DE CERPONZÓNS.