A ponte do Couto, sobre o río Tomeza-Gafos en Pontevedra, constitúe un dos elementos máis singulares do patrimonio histórico local. A súa orixe medieval –posibelmente asentada sobre estruturas anteriores de época romana– convértea nun testemuño material de longa continuidade histórica no territorio (consonte as premisas do historiador Fernand Braudel).
Porén, máis alá do seu valor arquitectónico –aquilatado por historiadores e arqueólogos–, esta ponte adquiriu nos últimos anos un profundo significado simbólico ligado á reivindicación cidadá e á recuperación ambiental.
Durante décadas, o río dos Gafos sufriu procesos de degradación asociados á deficiente planificación urbanística, á desaxeitada canalización das augas residuais, aos malos usos e costumes e ao abandono institucional. Neste contexto, a ponte do Couto quedou relegada a un espazo marxinal, afastada da centralidade urbana e do recoñecemento social. A súa progresiva deterioración exemplifica a desconexión entre a cidade e o seu patrimonio máis “humilde” (ou minorizado), aquel que non forma parte dos grandes relatos transformativos de Pontevedra, pero que resulta esencial para comprender a identidade local.
Fronte a esta situación, dende o ano 2001 o colectivo Vaipolorío vén impulsando un intenso labor de recuperación e sensibilización do hábitat fluvial (declarados Espazo Natural de Interese Local en 2019). As accións de Vaipolorío, que combinan intervencións prácticas –vinte e cinco campañas de limpeza– con diversas e ininterrompidas iniciativas de divulgación, conseguiron situar o Tomeza-Gafos e a ponte do Couto no centro do debate sobre o futuro do río e do espazo urbano que o concirne. Facendo zoom na ponte, a reivindicación desta antiga construción transcende á simple conservación material (consolidación, restauración, estudo arqueolóxico, limpeza do leito fluvial inmediato...) para converterse nunha proposta de transformación territorial.
Neste sentido, a ponte do Couto pode interpretarse como un símbolo de reconexión en múltiples dimensións:

Memoria histórica.- Representa a recuperación integral do noso acervo, ao reivindicar a importancia dos elementos patrimoniais que, malia a súa aparente modestia, forman parte do tecido cultural da cidade: a vía romana XIX e os seus miliarios, o Camiño Portugués –franquía do Xacobeo S. A.–; as rodeiras impresas no taboleiro, a cruz apotropaica labrada na clave do arco, o legado fotográfico de Zagala-Novás, as derregas da nosa infancia exploradora...
Reconexión coa natureza.- Reproduce a necesidade de restabelecer a relación entre a cidadanía e o medio natural, promovendo unha visión do río Tomeza-Gafos como corredor ecolóxico e espazo de convivencia.
Resistencia cidadá.- Esta reivindicación evidencia o papel fundamental da participación das persoas na construción do espazo urbano (ou así debera ser). A por de insistir, este movemento social conseguiu non só denunciar na ponte do Couto unha situación de abandono, senón tamén propor modelos alternativos baseados na sustentabilidade e no respecto polo patrimonio. Non esquezamos que, por incesante, a sociedade organizada conseguiu librarnos de proxectos industriais infectos e perniciosos (Empacadora de lixo de Vilaboa, Altri...; firmes fronte a Ence). A ponte do Couto convértese deste xeito nun emblema da capacidade vertebradora e liberadora da acción colectiva. Nin un paso atrás!
En conclusión, a ponte do Couto non é unicamente un ben patrimonial histórico e senlleiro da Boa Vila (urxe a súa consideración BIC), é tamén un símbolo vivo das tensións e posibilidades que definen a cidade contemporánea e a cidadanía comprometida. A recuperación deste inmóbel implicará facer de ponte –nunca mellor dito– entre o pasado e o futuro, entre a natureza e o urbanismo e entre as institucións e os cidadáns. Neste proceso, o seu valor simbólico resulta tan relevante coma o seu valor material.
Cabe pois, finalmente, formulármonos as seguintes preguntas: Deixaremos que a ponte do Couto siga sendo unha pasaxe a ningures? Seremos quen de erixila novamente e presentala como conquista dun pobo douto e sensíbel que mira polo seu mirando polo de todos?
A esperanza é o soño de quen se mantén esperto (Aristóteles).
