A Agamfec, sociedade científica dos Médicos de Familia galegos, tivo onte coñecemento do plan da Consellería de poñer en marcha un proxecto de facer cirurxía menor en Atención Primaria (AP). A primeira reacción de sorpresa foi seguida nas nosas redes sociais de indignación polo absoluto descoñecemento da realidade diaria da nosa actividade nos centros.
Moitos médicos de familia levamos facendo cirurxía menor desde hai máis de 20 anos, utilizando bisturí eléctrico, facendo escisións, drenaxes e suturas e enviando as mostras a Anatomía Patolóxica, contribuíndo ao diagnóstico áxil de múltiples patoloxías polo ben dos nosos doentes; non é para descargar de traballo o Hospital, como sempre pensan os directivos do Sergas, que nos consideran como servís secretarios dos especialistas hospitalarios.
Pero o descoñecemento da Atención Primaria, xa de por si lamentable (que recorda o coro cantando "si bella e perduta"), non é comparable coa ignorancia das leis e normas que rexen o sistema sanitario e a formación dos residentes. Así, tanto o R.D. 1030/2006 da carteira de servizos común da AP, como a lei 9/2008 de saúde de Galicia e mesmo o Programa Oficial da Especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria inclúen a cirurxía menor como servizo e como formación obrigatoria para os nosos residentes.
Que o conselleiro, de formación e orixe hospitalaria, descoñeza a AP é frustrante, pero que non haxa na consellería ninguén que lle poida asesorar sobre este tema, dános unha idea da importancia real que lle dan á Atención Primaria, especialidade tan bella pero tan perdida no Sergas. É hora de que a Consellería se poña as pilas e colabore coas sociedades científicas para poñer remedio a estes despropósitos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.