Xornada formativa para potenciar a atención integral en cardioloxía entre hospitais e centros de saúde

Pontevedra
23 de xaneiro 2025

Profesionais sanitarios de diferentes espazos asistenciais da área de Pontevedra e O Salnés participaron no Hospital Montecelo desta iniciativa para marcar a coordinación entre os diferentes centros

Xornada sobre coordinación en Cardioloxía
Xornada sobre coordinación en Cardioloxía / Área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

O Hospital Montecelo acolleu unha nova xornada formativa para mellorar a coordinación entre Atención Primaria e Hospitalaria no eido da cardioloxía.

O encontro reuniu a profesionais sanitarios de diferentes ámbitos asistenciais da área de Pontevedra e O Salnés.

A iniciativa, que se enmarca nun programa de xornadas que se vén desenvolvendo desde 2021, busca optimizar a atención aos pacientes cardiolóxicos mediante unha maior colaboración entre centros de saúde e hospitais.

"Profundizamos na análise e debate das nosas competencias asistenciais coordinadas, diagnosticando patoloxías pero tamén analizando as nosas fortalezas e necesidades", explicou o doutor Diego Gómez, xefe do servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

O encontro, celebrado no salón de actos do hospital, contou coa participación de persoal facultativo, enfermería e residentes en formación, que puideron actualizar os seus coñecementos sobre os protocolos de atención compartida, segundo indican desde a Xerencia da área sanitaria.

Esta iniciativa forma parte dun programa máis amplo que xa abordou outras especialidades como Dermatoloxía, Rehabilitación e Neuroloxía, e que continuará nos vindeiros meses con xornadas dedicadas a Endocrinoloxía e Nefroloxía.

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a adaptar a súa organización para responder a esta nova visión da asistencia sanitaria, implementando cambios como as vías de diagnóstico rápido ou os procesos asistenciais integrados.

Este modelo de atención compartida supón un avance significativo respecto á tradicional atención en serie, permitindo unha mellor abordaxe das enfermidades crónicas e potenciando a atención preventiva e domiciliaria, unha estratexia que o Servizo Galego de Saúde está a promover en Galicia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora