Desde a Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública queremos denunciar de novo as terribles consecuencias que ocasiona a inexistencia dunha ambulancia no PAC de Cerdedo. Demanda totalmente xustificada cando a nosa zona ten entre 900 e 1000 traslados urxentes de persoas cada ano, unha cifra máis que suficiente para dispoñer dese servizo.
Hoxe máis que nunca, tras o falecemento dunha muller en Soutelo de Montes, que debeu agardar case 45 minutos para recibir asistencia sanitaria, reivindicamos e exiximos contar cunha ambulancia á porta do PAC de Cerdedo, no canto de estar agardando se atopan una libre na Estrada, Pontevedra ou arredores.
Esta mañá esa muller, de avanzada idade pero en bo estado de saúde, dirixíase a coller o pan e tomar un café no centro da vila , como facía todos os días, pero atopouse mal pola rúa e caeu ao chan, sendo auxiliada por xente que pasaba polo lugar e que enseguida chamaron a una ambulancia. Servizo que aínda tardou case 45 minutos (5 ou 10 minutos se viñera de Cerdedo) e que se agravou porque non había ningún facultativo no Centro de Saúde de Soutelo (habería que preguntarse por que?). No mesmo Centro, as enfermeiras e demais persoal sanitario xa nada puideron facer.
A este tráxico e triste suceso temos que engadir a terrible situación que tivo que vivir una avoa da mesma localidade cando este pasado domingo a súa neta, de arredor de un ano, sufríu una caída golpeándose na cabeza e non había ambulancias libres nin na Estrada nin en Pontevedra e tiña que vir desde o Carballiño. Finalmente a familia achegouse á Estrada e a nena foi levada a Santiago onde foi atendida e hoxe está felizmente recuperada.
Diante de situacións coma estas, non podemos máis que manifestar o noso malestar e seguir a reclamar o noso dereito a una atención sanitaria digna, que comeza por dispoñer dunha ambulancia no PAC de Cerdedo, que podería evitar moito sufrimento e dor á veciñanza, como vimos de comprobar estes días.
Desde a Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública non descartamos a posibilidade de realizar algún tipo de mobilización para exixir o que nos corresponde.