Entramos no mes do verde abril, reverdecen os freixos da Praza de Galicia, as pereiras de flor do Gorgullón semellan estrelas ao escintilar, agroman os fentos das beiras dos ríos, as ameixeiras, os pexegueiros, as maceiras do río e as árbores froiteiras semellan cadros de Van Gogh ou Cézanne.
As abellas e as bolboretas non paran de ir de flor en flor, os paxaros que botaron do seu fogar cando talaron os ficus da rúa de Xaquín Costa atoparon refuxio no olmo da rúa Pardo de Cela; a súa copa enorme é como unha comuna onde teñen acubillo todos os paxariños que deixaron sen niño. Aínda queda sitio para os que van desafiuzar na tala que van facer na Horta de Santa Clara. O aire recende a mentrasto e fiúncho, volveron as andoriñas e o cuco vén de camiño. Dos estorniños exiliados non hai novas.
O tramo cuberto dos Gafos, logo de case sesenta anos na escuridade, agarda poder axiña desfrutar da beleza da súa contorna no esplendor da natureza e espera que non lle pase como á Sabina e lle rouben o mes de abril, que é cando teñen que comezar a destapalo. Na súa memoria lembra cando as árbores se espellaban nas súas augas e os rillotes do barrio penduraban os maios na Ponte da Tablada, e o balbordo das lavandeiras.
Aínda quedan restos do lavadoiro do Peilán, que supuxo un avance para aquelas mulleres que ían lavar ao río cargadas de tinas de cinc cheas de roupa. Nos duros días da invernía de choiva e vento tiñan que madrugar moito as máis pobres para atopar acubillo debaixo da Ponte Boleira e, cando non o atopaban, non lles quedaba outra que ir ao de Peilán, que era de pago. Sería un pequeno recoñecemento ao labor destas mulleres poñer unha placa no que queda do lavadoiro de Peilán e recuperar os muíños da contorna, para non esquecer a nosa historia.
Tamén sería doado, xa que na cidade temos unha escola de restauración, recuperar os azulexos con paisaxes de Galicia de Carlos Sobrino ao carón da Alameda, onde noutro tempo os cidadáns desde aquel miradoiro privilexiado, antes de que fixeran a ponte da autopista, ollaban a ría e vixiaban por se entraba nela o seu veciño o pirata Benito Soto co seu barco o Burla Negra para fuxir ás casas e pechar portas e cancelas, e solicitarlle ao Estado a cesión do palacete da rúa de Colón onde se atopaba a vella biblioteca, agora que se vai trasladar o arquivo ao edificio de San Francisco onde estaba Facenda e vai ficar baleiro, e podería ser un multiusos e volver albergar cultura como noutro tempo.
Noraboa unha vez máis a VAIPOLORÍO, que son como a flor do coitelo, unha planta que se dá en condicións difíciles nos areais das praias con vento ferinte e sol de xustiza e sen auga doce. Malia as condicións adversas dá unhas flores fermosísimas por limpar e por poñer en valor a Ponte do Couto, unha das máis antigas e abandonadas, que se pensa que xunto á do Burgo deu orixe á denominación da cidade de Dous Pontes, e limpar e sinalizar unha nova ruta para pasear polas beiras do río e ollar o estado no que se atopa a ponte do Couto agora.
E nós, desde este recuncho do mundo onde máis reluce o verde abril, seguimos a berrar alto e forte: NON Á GUERRA E CANTE O MERLO.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.