Veteranos contra o crime

06 de xullo 2026

Será pola xubilación ou pola calor reinante, o certo é case non saio deste meu oasis interior da casa máxime se conto cos coidados da miña valente compañeira, coidados que non merezo en absoluto. Se, polo menos, eu fose Xéminis, Libra ou Acuario, tería signo de aire, que é o que máis preciso, pero son Leo, símbolo de sol, de lume abrasador, de calor abafante… menos mal que eu non acredito nesas parvalladas que senón…

Ben; pois por mor deste arresto domiciliario voluntario boto man dalgún libro pero a maioría había que porllos de menú ós seus autores (máis dalgún tixolo teño eu dixerido a pau seco, sen sal e sen prebe) Só hai dúas clases de escritores; os que teñen algo que contar e os que escriben para autogabanza.

Pero se de perder o tempo se trata, tamén está a televisión…. mala centella a coma ! Está inzada de insoportables concursos, centos de detectives listísimos, miles de cociñeiros e lexións de tertulianos que non saben de nada pero entenden de todo e o mesmo tratan de xeopolítica que da preñez sorpresa de fulanita. A política actual nunca antes foi tan aborrecida e chocalleira. Antes ía para a política o máis selecto de cada casa e agora soe ir o máis ordinario e faltón, o que non serve para outra cousa. Hai quen bautismou ( á televisión ) como "a caixa tonta" pero non é tanto así: tontos son a maioría dos que asoman por ela. E, como engadido, temos a IA, que esa tamén é outra…

Antes aínda se consolaba un vendo debuxos animados; agora odio ós Pokemóns e a eses mangas epiléticos que non paran de salvar o planeta un día tras outro largando bólas de lume á torta e á dereita… insufribles!

Pero zapea zapeandis,… tropezo cunha serie policiaca (faltaría máis!) que, encima, é alemana. Como me é descoñecida, concédolle o beneficio da dúbida e vexo un capítulo e, arestora, non me perdo ningún. Chámase "Veteranos contra o crime" e pódese ver, entre outros, na canle COSMOS. Os protagonistas son dous idosos policías xubilados a quen, o xefe supremo, pediu que seguiran traballando unha tempada ante a falta de persoal que sofre o departamento de homicidios. Teñen por xefa a unha moza que, para máis inri, é lesbiana. Con eles colabora un mozo de faccións orientais. É un subinspector en práticas, experto en informática. No departamento, pese a ser alemán de nacemento, cando alguén pregunta quen é, sempre recibe a mesma resposta: "É o chino que vai coa lesbiana e os dous vellos".

Estou "enganchado" á serie por ser diferente. Non amosa interminables tiroteos con armas que disparan sempre e máis despois, nin persecucións circenses máis propias de Mortadelo nin oleosos fortachóns malísimos pero que sempre morren a mans do "chico" tras pelexas interminables, nin esaxerada pirotecnia con cadeas de explosións. Pero a verdadeira grandeza do serial é ser un canto contra o "edadismo" ( a longa experiencia dos polis veteranos posta ó sevizo da sociedade ),o sexismo (a orientación sexual de cadaquén é un asunto persoal e privado) ou o racismo ( o subinspector Hui Ko é alemán de nacemento )

Un bo guión e unha interpretación máis que digna conforman este excelente formato sen histrionismos, saídas de ton e abuso de efectos especiais tan á moda. Sensual, amena e divertida por momentos, esta serie desenvólvese nun esceario de luxo: a silueta da preciosa catedral de Colonia e o Rin maxestuoso.