1.200 persoas apoian as doazóns camiñando na Pontevedrada 2016

Pontevedra
01 de maio 2016

A sexta edición volveu ser un éxito de participación para esta marcha nocturna de 63 quilómetros polo Camiño de Santiago. O proxecto naceu en 2011 con tan só dous participantes, Miguel Martínez e Raúl Álvarez

Pontevedrada (II)
Pontevedrada (II) / Mónica Patxot

Os participantes xa ascenden a 1.200 e a praza da Ferrería volveuse a converter este sábado 30 de abril nunha marea vermella de persoas que participan na Pontevedrada coa camiseta que achega ASAMPO para solicitar a doazón de sangue, órganos e tecidos.

A cita contou coa intervención de Ángela Lemiña, unha moza que grazas a un dobre transplante de pulmón puido salvar a súa vida. A outra cara da moeda ofreceuna Mari Carmen Barra, madré de Jonás Brito, un rapaz vigues que faleceu con 17 anos e que, tal e como pedira aos seus familiares, doou todos os seus órganos, ósos e tecidos para salvar outras vidas.

Con esta formulación solidaria, cada ano aumentan os participantes neste evento que naceu en 2011 con tan só dous camiñantes, Miguel Martínez e Raúl Álvarez. Eles quixeron facer un chamamento sobre a necesidade de doar órganos dunha forma lúdica e deportiva. Seis anos máis tarde, chegan camiñantes procedentes de diversos puntos de España e doutros países como Portugal, Italia, Bélxica e Francia.

O percorrido ata Santiago, que non todos completan, conta con paradas de descanso e de refrixerio nocturno en Barro, Caldas, Valga e Padrón nunha marcha solidaria na que os máis veloces chegan á praza do Obradoiro cos primeiros raios de sol do primeiro de maio