1.570 persoas presumen de festa no terceiro XantaCaldelas

Ponte Caldelas
11 de agosto 2019

A terceira edición da festa gastronómica de Ponte Caldelas, que tivo que celebrarse en Chan da Barcia polas previsións de choiva, superou, con creces, a asistencia dos dous anos anteriores

Andrés Díaz en Chan da Barcia durante a comida
Andrés Díaz en Chan da Barcia durante a comida / Pontevedraviva

Chan da Barcia acolleu, este domingo, a edición máis exitosa, ata a data, do XantaCaldelas, que este ano chegou á terceira. 1.570 persoas visitaron Ponte Caldelas para gozar da comida e a compañía dos asistentes durante a xa tradicional convivencia.

O Goberno local viuse obrigado a, polas previsións de choiva para este domingo, cambiar o emprazamento da cita, que, finalmente, desenvolveuse sen ningún revés climático. Para iso, a organización do evento situou unha carpa de 1.200 metros cadrados e evitar, así, problemas como o pasado ano, no que comezou a chover a media tarde.

O menú compúxose de varios entrantes como empanada e embutidos, polbo á feira, carne ao caldeiro e, finalmente, unha deliciosa torta de chocolate, que colocou a guinda doce a unha xornada inmellorable. Todo a un prezo de dez euros por persoa.

Fronte aos 1.000 comensais da pasada edición e os 600 da primeira, Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, asegura que "este éxito é grazas á veciñanza activa e participativa coa que contamos". Ademais, non se pon barreira e espera que, despois dos máis de 1.500 asistentes á cita, "ou próximo ano poidan ser máis os que teñan a presenza neste xantar".