1 de xuño, data escollida pola APDR para a Marcha contra as Celulosas

Pontevedra
17 de abril 2025

​​​​​​​A Asociación pola Defensa da Ría renovou a súa directiva e decidiu en asemblea intensificar a loita contra ENCE e a instalación de ALTRI en Palas de Rei con tres actos en maio, incluíndo dous documentais

Marcha contra ENCE
Marcha contra ENCE / Cristina Saiz

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) prepara unha nova mobilización de carácter galego contra as celulosas, prevista para o domingo 1 de xuño.

A convocatoria, que seguirá o modelo das anteriores protestas contra ENCE agora incorporando a oposición a instalación da fábrica que proxecta ALTRI, foi aprobada na recente Asemblea Xeral Ordinaria da entidade.

A organización ecoloxista renovou a súa Xunta Directiva para os vindeiros tres anos, engadindo tres novos membros: José Luís Gama Castro, Luciano Santiago Andión e Uxía Couto Escobar, alcanzando así un total de catorce integrantes.

A asociación continúa sendo presidida por Antón Masa e as liñas de traballo para 2025-2026 manteñen como prioridades a saída de ENCE de Lourizán.

Ao mesmo tempo, o colectivo pretende tamén realizar un control das verteduras aos ríos Lérez e Gafos e á Ría, a protección da illa de Tambo e a loita contra a eucaliptización.

Ademais, a APDR intensificará a súa oposición á instalación de ALTRI e vixiará as políticas da Xunta en materia de minería, eólicos e xestión do litoral.

Como preámbulo á marcha de xuño, a asociación organizará tres eventos en maio:

  • O día 9, na Facultade de Belas Artes, proxectarase "A Loita Final", documental sobre Altri dirixido por Enrique Banet e producido por Mabel Rivera

  • O 22 de maio, no Teatro Principal, presentarase "Filtrando a Luz", filme sobre o ecoloxismo galego de Xacobe Meléndrez Fassbender

  • O 30 de maio, na Biblioteca de Marín, celebrarase unha charla sobre Altri en colaboración co Colectivo Almuinha.