A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) critica a que considera unha "posición antidemocrática" do alcalde e o Concello de Poio en relación coa illa de Tambo.
Esta crítica formúlana desde a asociación ecoloxista tras coñecer que o próximo pleno municipal de Poio aprobará o Plan de Emerxencias e Autoprotección para a Illa de Tambo.
Para a APDR, levar este plan ao pleno é unha decisión que ven "contraria ao comportamento transparente e democrático que debe presidir o funcionamento de calquera administración pública".
Lembran que o alcalde, Ángel Moldes, indicou na última Comisión de Seguimento para a Illa de Tambo que "este alcalde non aprobará nada sen o consenso desta Comisión".
Con este documento que irá a pleno amósanse críticos por ser descoñecido na Comisión de Seguimento, o que implica que, polo tanto, "non pode gozar do necesario consenso". Insisten tamén en que entra en contradición co traballo feito ata hoxe.
Ademais, sinalan que no mes de agosto o Concello de Poio solicitou ás organizacións que integran a comisión o estudo e presentación de suxestións sobre o documento 'Proposta de declaración do espazo natural ‘illa de Tambo’ como espazo natural de interese local-ENIL e plan de usos e conservación'.
A APDR presentou suxestións "en tempo e forma" e considera que o "lóxico" sería que o Concello respondera esas alegacións e, con posterioridade, houbera un traballo na Comisión "para tratar de chegar ao necesario consenso para a redacción do documento definitivo".
Para a asociación, a decisión adoptada agora polo alcalde supón, "a ruptura unilateral do consenso e a imposición dunha nova vía de actuación ao respecto da declaración de Tambo coma ENIL".
A entidade descoñece o contido concreto do documento proposto agora ao pleno para a súa aprobación provisional, pero quere deixar claro que a prioridade debería ser a protección ambiental da illa como espazo natural de elevado valor e a declaración como ENIL, que supón a definición dos usos que legalmente se lle poderán dar á illa.