Este martes reuniuse por quinta vez dende a súa constitución a Comisión Mixta para o seguimento da cesión demanial da Illa de Tambo.
Neste encontro, celebrado na Casa do Concello, participou o alcalde de Poio, Ángel Modes, xunto co comandante director Pedro Cardona e outros responsables da Escola Naval Militar de Marín e técnicos municipais.
Moldes deu conta de todas as actividades desenvolvidas durante este ano e as que están previstas de cara os próximos meses para converter Tambo nun "referente" medio ambiental, turístico e patrimonial.
Así, incidiu en que continúan avanzando para que sexa recoñecida como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e na elaboración do Plan de Usos, que priorizan o respecto á natureza, conservación, protección e historia da illa.

O alcalde informou que a Xunta de Galicia actuará nos xacementos cun primeiro investimento de 50.000 euros en 2025, o que permitirá dar continuidade aos traballos que se iniciaron hai xusto un ano.
Levaranse a cabo unha serie de sondaxes nos restos arqueolóxicos para recompilar máis información. Naquelas escavacións de finais de 2023 se atoparon pezas e elementos patrimoniais que poderían corresponder cunha posible capela.
Ademáis, desde o Concello de Poio continúan organizando as visitas guiadas á illa, controladas e restrinxidas para asegurar a súa preservación. Nestas semanas estanse desenvolvendo varios cursos para formar guías turísticos especificamente sobre Tambo.
A Illa, engadiu durante a súa explicación o alcalde, tamén foi protagonista da primeira presentación de Poio en Fitur.