127 bañistas, atendidos en Sanxenxo no mes de xuño por picaduras de faneca

Sanxenxo
10 de xullo 2023

O servizo de socorrismo do Concello de Sanxenxo contabilizou 816 intervencións durante este mes desde que se puxo en marcha a vixilancia na primeira fin de semana nas praias con máis bañistas

Socorristas en Sanxenxo
Socorristas en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

816 intervencións asumiu o servizo de socorrismo do Concello de Sanxenxo desde a primeira fin de semana de xuño e ao longo de todo ese mes. 

Os postos de control situados en Areas, Silgar, Canelas e Montalvo activos desde esa fin de semana e os de Area de Agra, Foxos e O Espiñeiro-A Lanzada, que entraron en funcionamento o 15 de xuño realizaron estas actividades de axuda aos bañistas e persoas que se atopaban nos areais sen que se rexistrasen casos de gravidade, segundo informa o goberno local.

Montalvo converteuse na praia con máis incidencias ao sumar 243, seguida por Silgar con 168 e Canelas, con 166. Areas rexistrou 129. 

Os socorristas tiveron que intervir por incumprimentos da ordenanza de praias en 278 casos debido á presenza de animais, depósito de residuos ou incumprimentos na zona destinada para o baño. 

Desde o Concello lembran que está prohibida a presenza de animais nas praias durante a tempada de baño, que se prolonga ata o 15 de setembro. 

Ademais, foron atendidas 127 persoas por picaduras de faneca, sete por unha escordadura, catro por contusións e 67 por outro tipo de feridas de distinta gravidade. Seis bañistas recibiron atención por picaduras de insectos e oito por problemas nos ollos ou nos oídos. Por último, cinco persoas sometéronse a toma de tensión arterial tras atoparse mal pola calor ou o cambio brusco de temperaturas.