O Concello de Vilagarcía de Arousa pon en marcha unha proposta destinada exclusivamente a súa veciñanza: a campaña "Vilagarcía 100%", que oferta 1.300 prazas gratuítas para descubrir a riqueza natural e histórica do municipio entre xuño e novembro deste ano.
A iniciativa, presentada esta mañá polos concelleiros de Turismo, Álvaro Carou, e de Medio Ambiente, Diego García, xunto con Luís Ángel Gómez da empresa "Corticata", céntrase en converter aos propios vilagarciáns nos mellores embaixadores da súa terra.
"Estamos ante unha campaña novidosa, na que non buscamos atraer novos visitantes, senón premiar os nosos veciños", explicou Carou durante a presentación. Esta acción completa o anuncio feito polo alcalde, Alberto Varela, durante a recente visita con colectivos sociais de Carril á Illa de Cortegada.
Diego García subliñou a importancia de valorar o patrimonio local: "Vilagarcía é unha cidade moi rica, a nivel patrimonial e natural, e moitas veces os propios habitantes non o valoramos e descoñecemos o que temos a escasos minutos da nosa casa".
Das 1.300 prazas ofertadas, 600 estarán dedicadas a visitas á Illa de Cortegada, unha xoia do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
As saídas a Cortegada realizaranse todas ás 16:30 horas, con 30 prazas por ruta. En xuño haberá seis excursións (180 prazas), en setembro oito (240 prazas) e en outubro outras seis (180 prazas).
As outras 700 prazas repartiranse entre diversas actividades como obradoiros, rutas pola natureza e xincanas, cunha programación que a empresa organizadora describe como "moi variada" e sustentada en tres piares: rutas naturais, actividades familiares (observación de aves, contacontos, xogos de orientación) e as visitas ao Parque Nacional.
Estas propostas, con capacidade entre 20 e 50 participantes, desenvolveranse durante os meses de xuño, agosto, setembro, outubro e novembro.
Para participar, os veciños poderán reservar as entradas a través da plataforma municipal ticket.vilagarcia.gal a partir do día 1 de cada mes comezando a partir do domingo 1 de xuño.
Cada persoa poderá reservar ata catro prazas, achegando os datos dos acompañantes.
Desde o Concello fan un chamamento á responsabilidade: "Se alguén reserva e non pode acudir, pedimos por favor que cancele a asistencia, para poder repartir as entradas entre a xente que quede na lista de agarda", sinalou o concelleiro de Turismo.

Como complemento a esta iniciativa, o 7 de xuño tamén se porá en marcha a actividade "Todos os camiños comezan no Salnés", organizada pola Mancomunidade do Salnés.
Esta proposta, que conta con 110 prazas dispoñibles, comezará cun percorrido pola comarca ata O Grove, desde onde os participantes embarcarán cara a Pontecesures seguindo a ruta Traslatio. A saída será ás 11:00 horas desde a praza da Peixería.