O 14 de decembro celebrarase en Soutomaior un novo mercado de oportunidades e artigos de segunda man

Soutomaior
26 de novembro 2025

A iniciativa reforza a aposta por dar unha segunda vida a obxectos en bo estado e promovendo o consumo responsable e de proximidade

Mercado de oportunidades e segunda man
Mercado de oportunidades e segunda man / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior presentou a segunda edición do mercado de oportunidades e de segunda man, unha iniciativa que busca dinamizar o comercio local, promover a economía circular e crear un espazo de encontro para veciños e visitantes na antesala das festas.

O mercado, que combina a participación de establecementos locais, artesáns e particulares, pretende converterse nun escaparate onde amosar produtos de distintas tempadas, artigos de segunda man e creacións artesanais.

A intención é favorecer novas oportunidades de venda e, ao mesmo tempo, fomentar un ambiente de rúa no que a cidadanía poida gozar dunha xornada de lecer e descubrir a oferta comercial do municipio.

A iniciativa reforza a aposta por dar unha segunda vida a obxectos en bo estado e promovendo o consumo responsable e de proximidade.

O prazo para presentar solicitudes para participar está aberto ata o luns 1 de decembro.

As persoas interesadas deberán tramitar a inscrición a través da sede electrónica municipal.

O mercado celebrarase o 14 de decembro, data na que o Concello facilitará mesas para a exposición dos produtos.

Cada participante será responsable da súa propia xestión de vendas e deberá adaptarse á distribución e ao mobiliario disposto pola organización.

Na selección das solicitudes teranse en conta o espazo dispoñible e a adecuación dos produtos ao formato do mercado.

A súa filosofía aposta por prezos proporcionados e accesibles, en consonancia cun evento pensado para ofrecer oportunidades reais a compradores e vendedores.