A Xunta de Goberno aprobou este luns sacar a licitación dous contratos relacionados coas próximas festas de Santiaguiño do Burgo e Peregrina. En total, o Concello de Pontevedra prevé destinar uns 160.000 euros para garantir a seguridade e a subministración eléctrica necesaria para a instalación das atraccións de feira.
En concreto, un ano máis o goberno municipal prevé que unha empresa especializada realice unha inspección técnica de todas as atraccións que se van instalar no ámbito da Alameda e do Recinto Feiral. Segundo destacou Raimundo González, Pontevedra é un dos "poucos concellos que realizan esta revisión "pero así durmimos tranquilos". Custará 36.028,84 euros.
Ademais, outros 124.135 euros destinaranse para a contratación das instalacións eléctricas que se necesitan para o funcionamento das atraccións durante estas dúas festas.
A iluminación non está incluída nestes dous contratos, xa que se adxudicou nunha licitación única coa de Nadal e o Entroido.
MODIFICACIÓNS DE CRÉDITO
Entre outras cuestións, a Xunta de Goberno aprobou tamén unha modificación de crédito de 249.100 euros para o Instituto Municipal de Deportes, que servirán fundamentalmente para financiar eventos deportivos e a actividade de varias escolas deportivas; e de dous millóns de euros para acometer obras de mobilidade e accesibilidade en vía públicas do rural, que teñen como obxectivo aumentar a seguridade dos seus usuarios.