Seis anos despois, Pontevedra está a punto de aprobar unha nova ordenanza de xestión, recadación e inspección fiscal. Con ela, o goberno municipal pretende "dar máis garantías ao administrado", segundo explicou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, e ao mesmo tempo combater a fraude fiscal no municipio, un asunto "central" para o Concello de Pontevedra neste mandato.
Nela, recóllense todas as cuestións relativas á regulación dos expedientes tributarios e os dereitos e deberes dos cidadáns sobre todo tipo de taxas e impostos municipais.
En materia de recadación, por exemplo, regúlase por primeira vez a posibilidade de aprazar e fraccionar o pagamento da débeda que os cidadáns teñan coa administración local, mantense a posibilidade de pagar o IBI en dous prazos (20 de xuño e 1 de outubro) e acórdase que non se esixa aval ningún para aquelas persoas que deban menos de 6.000 euros ás arcas municipais -ata agora o máximo era de 1.500 euros-.
Esta ordenanza, que será aprobada o próximo luns no Pleno municipal, foi apoiada polos votos de BNG, Ciudadanos e Partido Popular na comisión de Economía e Facenda deste mércores. PSdeG-PSOE e Marea abstivéronse.
Neste sentido, o edil popular Rafael Domínguez entende que esta ordenanza garante unha maior seguridade xurídica aos cidadáns; mentres que o voceiro do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, a criticou ao entender que está "mal formulada" e está máis enfocada a resolver problemas que se xeran na administración que a "recoñecer dereitos" dos cidadáns.
VÍA LIBRE ÁS MODIFICACIÓNS DE CRÉDITO
Nesta comisión de Economía, ditaminouse favorablemente ás dúas modificacións de crédito propostas polo goberno municipal, 251.000 euros para o Instituto Municipal de Deportes e 2 millóns de euros para obras de mobilidade e accesibilidade en vías do rural.