O Concello de Poio ten en marcha un proxecto que busca renovar e reforzar servizos básicos no tramo da PO-308 comprendido entre o núcleo da Fontenla, na parroquia de San Xoán, e as proximidades do centro de Combarro.
O obxectivo da actuación é garantir unha dotación de servizos básicos nas mellores condicións. O investimento para levar a cabo estes traballos ascenderá a uns 160.000 euros aproximadamente, IVE engadido e o Concello avanza que a licitación do proxecto "será unha realidade en breve".
A obra terá un prazo de execución estimado de seis meses. O obxectivo do Goberno local é que estes traballos se coordinen coa Xunta de Galicia e coincidan no tempo coa reforma que a Consellería de Infraestruturas levará a cabo nese mesmo tramo para mellorar a seguridade viaria.
A Concellería de Promoción Económica e Urbanismo promove este proxecto, que suporá actuar en quilómetro e medio de vial, entre os puntos quilométricos 3+600 e 5+250, na marxe esquerda da estrada en dirección a Sanxenxo. En concreto, afecta ao tramo comprendido entre a rotonda que enlaza a PO-308 coa VG 4.8 e o centro de Combarro.
O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, e o responsable de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás, visitaron nos últimos días a zona na que se efectuarán as obras.
Segundo os datos facilitados por Agís, o proxecto contempla unha mellora do saneamento coa dotación dunha tubaxe PVC. Ademais, a canalización de saneamento contará con tres tramos novos, tamén de PVC, ademais da renovación doutros dous que xa foran renovados no seu momento.