17 de xuño, data elixida para a celebración da Gala do Deporte de Marín

Marín
25 de maio 2026

A cita celebrarase a partir das 19:30 no auditorio marinense. A gala incluirá unha mención especial para a asociación Gharaboto pola súa labor de recuperación dos xogos populares galegos

Inauguración do auditorio de Marín
Inauguración do auditorio de Marín / Sergio Guillermo Lourés Miranda

Marín recuperará este ano unha das súas citas máis destacadas do deporte local despois de varios anos sen celebrarse.

Trátase da celebración da Gala do Deporte, que terá lugar o próximo o próximo 17 de xuño, ás 19:30 horas, no auditorio marinense.

A alcaldesa, María Ramallo, explicou que o regreso deste evento responde á aposta do Concello por facelo no auditorio, "pola importancia que ten este acto para o deporte da nosa vila, a cantidade de persoas que se xuntan entre clubs e premiados e as ganas que temos de volver a visibilizar todo o talento que hai aquí", sinalou.

Os nomes das persoas e entidades premiadas coñécense desde o pasado 21 de xaneiro, cando o xurado, integrado por representantes municipais, técnicos deportivos, profesionais do sector e xornalistas, analizou as candidaturas presentadas a cada categtoría.

No apartado individual, Iván García (Taekwondo MATS) será recoñecido como mellor deportista masculino tras un ano no que se situou entre o dez mellores do ranking mundial e logrou títulos como o Campionato de España ou o Europeo por equipos. En categoría feminina, o galardón será para Arlet Ortiz, tamén do Taekwondo MATS, campioa de España absoluta e con outras medallas internacionais.

En deporte base, os premios recaerán en Xián Gutiérrez (Remo Ría de Marín), campión de España de remo indoor, e Ángela Balado (Taekwondo MATS), campioa de Europa, España e Galicia en categoría cadete. O recoñecemento a deportista veterana será para Pilar Vázquez (Remo Ría de Marín), mentres que o premio á inclusividade distinguirá a Paula García, tamén do club de remo.

O xurado designou como mellor adestrador a Emilio Gutiérrez (Remo Ría de Marín) polos éxitos colectivos logrados polo seu equipo, mentres que o CD La Peña será recoñecido como mellor club polo seu crecemento e resultados en categorías basee.

O premio ao mellor patrocinio recaerá en Sei San Narciso polo seu apoio ao deporte basee, e o Open Vila de Marín de boxeo será distinguido como mellor evento deportivo, tras reunir na súa última edición por centos de deportistas de distintos países.

Ademais, Raquel Carragal recibirá o galardón ao deporte con valores pola súa implicación en causas solidarias; o Marín Peixegalego será recoñecido polo seu labor na promoción do deporte basee e a formación; e a Carreira e Andaina Pinga Pinga polo seu traballo voluntario no ámbito deportivo.

A gala incluirá tamén unha mención especial para a Asociación Cultural e Deportiva Gharaboto pola súa labor na recuperación e difusión dos xogos populares galegos.