2.326 pacientes manteñen a infección activa de covid-19 na área sanitaria

Pontevedra
12 de marzo 2022

Rexistrouse unha escasa variabilidade en casos activos durante as últimas 24 horas. A Consellería de Sanidade notifica un paciente menos que o venres en casos activos e descende en tres pacientes o número de persoas hospitalizadas en Montecelo e no Hospital do Salnés. Nas últimas horas detectáronse 169 novos positivos

Datos covid neste sábado 12 de marzo na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Durante as últimas horas rexistrouse unha escasa variabilidade en canto a casos activos e pacientes hospitalizados con covid na área sanitaria. A Consellería de Sanidade notifica este sábado 12 de marzo un total de 2.326 pacientes con infección activa na zona de Pontevedra e O Salnés, un menos que o venres. 

Destes pacientes, 44 persoas permanecen hospitalizadas, tres menos que o día 11. Destes casos, 39 permanecen en planta do Hospital Montecelo e 3 atópanse no Hospital do Salnés. A eles hai que sumar dous ingresos na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, un menos que o venres.

O número de novos positivos durante as últimas 24 horas sitúase en 169 pacientes. 165 a través de probas diagnósticas. Non se rexistraron falecementos na área sanitaria. A cifra de decesos desde o inicio da pandemia mantense en 263 enfermos.

DATOS DE GALICIA

Saúde Pública notifica seis mortes máis como consecuencia da pandemia en Galicia. Trátase de persoas con idades comprendidas entre os 77 e os 95 anos, tres delas falecían en Vigo. O número de mortes desde o inicio dos plans de continxencia en Galicia sitúase en 3.151.

O número de casos activos neste sábado é de 19.915 pacientes, 474 máis que o venres. Os enfermos hospitalizados descenden. Os datos reflicten 348 en planta dos hospitais galegos, 8 menos que onte; e outras 26 persoas nos servizos de UCI, un menos que nas últimas 24 horas.

Rexistráronse 1.716 positivos novos do coronavirus durante a última xornada. Son 146 contaxios diarios menos respecto ao venres e 217 menos en relación ao sábado 5 de marzo. 

Por áreas sanitarias, os casos activos son os seguintes: A Coruña-Cee: 4.073 (+174); Vigo: 3.587 (+80); Santiago-O Barbanza: 3.269 (+1); Ourense: 2.898 (+92); Lugo: 2.406 (+51); Pontevedra-O Salnés: 2.326 (-1); Ferrol: 1.269 (+76); e sen área sanitaria asignada: 87 (+1).

En canto á incidencia acumulada a 7 días nas cidades, Pontevedra continúa baixando a 442 casos por cada 100.000 habitantes; mentres que tres cidades galegas ascenden: Vigo sobe a 417; Ferrol a 445; e Santiago a 503.