20.000 novas máscaras para Sanxenxo procedentes dunha doazón

Sanxenxo
08 de abril 2020

A primeira aportación de 3.000 unidades chegou este martes ás oficinas de Servinauta, a empresa de reparacións náuticas e servizos para embarcacións ubicada no Porto deportivo Juan Carlos I e algunhas xa foron repartidas entre o persoal municipal

Entrega de máscaras por parte de Servinauta Concello de Sanxenxo

José Luis Filgueira, un empresario de Sanxenxo, realizou un pedido que permitirá que 20.000 novas máscaras se poidan repartir no municipio. Este martes chegaba a primeira remesa con 3.000 unidades ás oficinas de Servinauta. O material xa comezou a repartirse entre o persoal de diversos departamentos municipais como Policía Local, Nauta e o servizo de Emerxencias.

O empresario sinala, segundo o goberno local, que é un "granito de area". Esta proposta conta co colaborador Juan Chaparro, directivo dunha multinacional do sector téxtil e veciño de Sanxenxo que decidiu poñerse en contacto cos provedores das máscaras para distribuílas.

O primeiro pedido fixérono a Turquía e paralizáronllo. Este segundo procede de China en paquetes de 400 unidades e o máis complicado para este traslado atópase na loxística e nos permisos para pasar as aduanas.

A diario reciben nas oficinas entre seis e sete paquetes. José Luis Filgueira afirma que estuda realizar novos pedidos se resultan necesarios e tamén recadar fondos para novas adquisicións porque, unha vez superado o estado de alarma, entende que as condicións de seguridade e hixiene para evitar  contagios serán decisivas.

Outra empresa, Myagal, a cargo de Guillermo Senra, colaborou tamén achegando 60 litros de xel hidroalcohólico e mil pares de luvas, que se repartirán tamén entre persoal dos servizos municipais.

Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, destaca estas colaboracións porque "demostran o compromiso da sociedade civil nunha situación difícil".