200 persoas reclaman a Lores e a Louro un cambio na xestión dos crematorios

Pontevedra
12 de setembro 2014

A plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste sinalan que moitos outros lugares en España tamén se opoñen á instalación dos crematorios preto das vivendas

Manifestación da plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste Diego Torrado

A plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste volveu saír á rúa na noite deste venres 12 para reclamar do goberno local un cambio en relación á instalación dun crematorio en San Amaro. Un grupo de veciños procedente da contorna do cemiterio pontevedrés trasladouse ata a pasarela de Xosé Adrio Barreiro onde esperaba o groso dos manifestantes para trasladarse todos ata a Praza de España instando o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, a que tomen as rendas e establezan conversacións con Funespaña para evitar que o proxecto do crematorio continúe adiante.

Os veciños piden negociación por parte dos responsables do goberno local neste tema e insisten en que outros colectivos en distintas localidades españolas se están a enfrontar á instalación de crematorios. Desta forma, os dirixentes da plataforma afirman que en Pola de Siero (Asturias), en Sant Joan (Alicante), en Valdemoro, Burgos e Málaga tamén se están a realizar concentracións de oposición.

Na manifestación á que asistiron ao redor de douscentos veciños encontrábanse presentes representantes do Partido Popular local co seu presidente, Jacobo Moreira, á cabeza. Ao mesmo tempo, dende a Plataforma continúan realizando actividades para coñecer as repercusións derivadas da instalación dos crematorios.