A Fundación Provincial Banco de Alimentos, en colaboración cunha compañía galega de distribución alimentaria, porá en marcha a nova edición do Zampakilos Solidario en distintos supermercados da provincia.
A campaña mobilizará a máis de 200 persoas voluntarias na cidade de Pontevedra e nas comarcas do Salnés, Deza e Caldas, no que será a primeira Operación Quilo do ano.
Haberá puntos de recollida atendidos por voluntarios en Pontevedra cidade, así como en Catoira, Vilagarcía, Vilanova, Cambados, Ribadumia, Meaño, Sanxenxo, Marín e Lalín.
Nesta edición incorpórase o Concello de Caldas coa participación dun establecemento comercial.
O Zampakilos Solidario volverá facerse en formato mixto: os clientes poderán doar alimentos físicos no propio supermercado ou con achegas económicas ao pasar por caixa. As doazóns económicas destinaranse completamente á compra de alimentos.
Segundo explica a Fundación Provincial Banco de Alimentos, como é habitual en todas as Operacións Quilo, a iniciativa conta co apoio de oito centros educativos do Salnés, entre eles o CPI Progreso de Catoira, o Colexio Filipenses Sagrada Familia, o IES A Basella e o Colexio San Francisco de Vilagarcía, ademais doutros centros de Ribadumia, Vilanova e Cambados.
Actualmente, a Fundación Provincial Banco de Alimentos atende unhas 22.000 persoas a través de 155 entidades benéficas.
O ano pasado distribuíu máis de 1,3 millóns de quilos de alimentos, co obxectivo de apoiar persoas e familias en situación de vulnerabilidade.