Un 6% máis de usuarios do Banco de Alimentos de Pontevedra durante 2025

Pontevedra
20 de xaneiro 2026
Actualizado: 12:13

Esta entidade pechou o ano con 1,33 millóns de quilos repartidos e a incorporación de novas asociacións como Rías Baixas de Sanxenxo, sumando 155 entidades benéficas

Persoal voluntario no Banco de Alimentos
Persoal voluntario no Banco de Alimentos / Banco de Alimentos

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Pontevedra completou o balance dun 2025 que ofrece datos de estabilidade no volume de doazóns e unha repunta significativa na necesidade social.

Segundo os datos oficiais, a entidade distribuíu un total de 1.330.600 quilos de comida durante o pasado exercicio, unha cifra que mantén a liña dos 1,35 millóns de quilos rexistrados en 2024.

Con todo, o escenario social presenta novos desafíos. O número de persoas en situación de vulnerabilidade atendidas na provincia experimentou un crecemento superior ao 6%, elevando o censo actual por riba das 23.000 persoas beneficiarias.

Este incremento explícase, en gran medida, pola expansión da rede de colaboración da Fundación, que o ano pasado sumou á súa estrutura a Vida Digna Vigo e a Asociación Rías Baixas de Sanxenxo, alcanzando un tecido de 155 entidades benéficas en toda a provincia.

A "marea azul" tamén foi protagonista no 2025 ao conmemorar o seu 30 aniversario con eventos de calado cultural e social, destacando o éxito do concerto benéfico do guitarrista David Russell e do que ofreceron conxuntamente a Coral Polifónica de Pontevedra e a Unidade de Música da Escola Naval Militar de Marín.

A estas iniciativias, sumouse a celebración da I Gala do Voluntariado, un acto para recoñecer o motor humano que sostén a organización.

De cara a este 2026, a folla de ruta da Fundación está condicionada pola entrada en vigor da Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario (Lei 1/2025).

O obxectivo prioritario será a xestión eficiente das "mermas", produtos aptos para o consumo pero non comercializables, para cumprir coa nova normativa e asegurar que a cesta básica manteña un alto valor nutricional.

Ante o novo censo de persoas atendidas, a directiva subliña a necesidade de captar novas doazóns e ampliar a rede asistencial para chegar a colectivos sociais que aínda non reciben axuda, segundo o presidente José Ramón Santamaría.