A solidariedade volveu demostrar a súa forza na Gran Recollida 2025, celebrada os días 7 e 8 de novembro. A Fundación Provincial Banco de Alimentos logrou superar os 325.000 quilos de comida, unha cifra que garante o abastecemento dos seus almacéns de Pontevedra e Vigo até a primavera de 2026 e permitirá cubrir as necesidades básicas de máis de 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade na provincia.
No caso de Pontevedra capital, a cidadanía respondeu con forza achegando máis de 29.000 quilos de alimentos físicos, mentres que a comarca do Salnés superou os 17.000 quilos e a zona de Deza pasou os 5.000. Vigo volveu liderar as doazóns, rozando os 106.000 quilos de produtos só nas súas 60 tendas participantes.
O balance total supera os 325.000 quilos porque engloba non só os produtos entregados directamente nos supermercados, senón tamén as achegas económicas en caixa e as doazóns realizadas polas cadeas de alimentación adheridas.
Este ano, a campaña desenvolveuse de forma mixta. Na maioría de establecementos houbo presenza de persoas voluntarias, aínda que noutros as contribucións foron exclusivamente económicas, prolongándose mesmo até mediados de novembro.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos subliña que este logro non sería posible sen o compromiso dos máis de 2.500 persoas voluntarias que participaron nesta iniciativa. En Pontevedra contouse co apoio de alumnado e profesorado do Colexio Los Sauces, SEK International e Sagrado Corazón de Placeres, que se envorcaron coa causa.
Tamén colaboraron internos do Centro Penintenciario da Lama, recollendo doazóns en dous supermercados da cidade, así como axentes veteranos da Acción Social da Subdelegación da Garda Civil.
A Brigada Galicia VII (BRILAT) desenvolveu un papel esencial na loxística, trasladando un volume considerable da mercadoría doada desde distintos puntos da provincia até os almacéns do Banco de Alimentos.
A campaña contou ademais co chef Pepe Solla, que exerceu de padriño.
O éxito da Gran Recollida 2025 reafirma o compromiso social da cidadanía. Grazas a moitos pequenos xestos anónimos, miles de familias poderán afrontar con maior tranquilidade os próximos meses.