O chef galego Pepe Solla é o padriño da Gran Recollida da Fundación Provincial Banco de Alimentos, un evento que se celebrará os días 7 e 8 de novembro en 151 supermercados da provincia.
Solla, que recibiu o peto azul como novo embaixador acudía nas últimas horas á delegación de Pontevedra, onde subliñou o paradoxo de gozar da alta cociña mentres milleiros de persoas carecen do básico.
O chef lamentou tamén o malgasto de alimentos, arredor de 1.300 millóns de toneladas no mundo que terminan no lixo: "En serio, somos tan despreciables como para xerar todos eses
desperdicios que poderían alimentar a toda a poboación de África durante un ano", comenta Solla.
Actualmente, o Banco de Alimentos atende a máis de 20.000 persoas a través de 154 entidades benéficas.
A campaña, que levará a "marea azul" a establecementos comerciais e centros educativos, necesita 500 persoas voluntarias máis para completar as quendas e cubrir os supermercados de toda a provincia adheridos á campaña.
O Banco de Alimentos mantén unha app informática para apuntarse como voluntario ou voluntaria podendo elixir xornada, supermercado e quenda. Tamén pode chamarse ao 986.263.022
O obxectivo marcado é igualar ou superar os 325.000 quilos de alimentos recadados en 2024.
O formato volverá ser mixto, permitindo doar alimentos físicos ou realizar achegas económicas á saída de caixa.

Por motivo de axenda, Solla apoiará a campaña mediante as súas redes sociais e emisións por streaming.
Entre os colaboradores destacan colectivos sociais, centros educativos e voluntarios da Brigada Galicia VII e a Garda Civil, así como da Escola Naval de Marín.
O presidente da Fundación, José Ramón Santamaría, destacou a implicación e compromiso do chef como un referente no ámbito solidario e culinario galego no apoio.desta campaña.
Pepe Solla, propietario do restaurante Casa Solla situado en Poio e líder dos fogóns no Palacio da Oliva (Vigo), conta con gran prestixio internacional e é fundador do Grupo NOVE.