Buscan 800 voluntarios para axudar o Banco de Alimentos, que alerta dun "repunte nas familias necesitadas"

Pontevedra
06 de outubro 2025

O reto é superar os 325.000 quilos de alimentos que recolleron o ano pasado. A Gran Recollida este ano adiántase dúas semanas, ao fin de semana dos días 7 e 8 de novembro

Presentación da Gran Recollida 2025 do Banco de Alimentos de Pontevedra
Presentación da Gran Recollida 2025 do Banco de Alimentos de Pontevedra / PontevedraViva

O Banco de Alimentos comezou unha campaña de procura de persoas voluntarias para poder hacre realidade a súa cita máis importante do ano, a Gran Recollida, que este ano se adianta dúas semanas, ao fin de semana dos días 7 e 8 de novembro.

Para esta ocasión, en Pontevedra cidade necesitarán a 400 persoas voluntarias e en toda a súa área de influencia a cifra elévase a 800, un número superior a 2024 e que se marca como obxectivo estender a presenza polos supermercados e superar as cifras de alimentos da anterior edición. En toda a provincia serán 2.577.

O reto é superar os 325.000 quilos de alimentos que recolleron o ano pasado e confirman que son cifras moi necesarias, pois as entidades coas que colaboran notaron "un repunte nas familias necesitadas".

O presidente da Fundación Provincial Banco de Alimentos, José Ramón Santamaría, e o responsable da delegación en Pontevedra, José Luís Doval, presentaron a campaña este luns no seu almacén da rúa Faustino Santalices, unhas instalacións que a estas alturas do ano xa presentan os andeis desangeladas.

Os responsables da Fundación sinalan que xa entra dentro das súas previsións que neste momento do ano haxa poucas reservas, pois ocure sempre e confían en enchelas coa Gran Recollida e lograr mercadoría até primavera.

Adiantar esta cita dúas semanas con respecto a anos anteriores incluso "nos vai axudar a chegar a final de ano cos almacéns un pouco máis cheos".

Las principais necesidades en canto a doazóns son conservas vexetais, de peixe ou carne; legumes cocidos en botes, que resultan moi útiles porque "non obrigamos a consumo enerxético a familias que ás veces non teñen recursos"; e básicos como leite, aceite, ls galletas, cacao ou a cesta básica de calquera familia.

As entidades coas que colaboran trasladáronlles "que teñen máis demanda", de modo que "é posible" que a cifra de persoas que necesitan este recurso "repunte nos próximos meses". Actualmente, son ao redor de 5.000.

Ademais, detectaron que o colectivo de inmigrantes é "cada vez tamén é maior", tanto de latinoamérica como do norte de África.

Para a Gran Recollida volverá contar coa colaboración de máis de 50 centros educativos da provincia, unha decena de colectivos sociais, os veteranos da Garda Civil, a Brigada Galicia VII Brilat para cuestións logísiticas, internos e internas da prisión dA Lama e, por primeira vez, a Escola Naval Militar de Marín.

Este ano necesitan 15 % máis de voluntariado que en 2024 e José Ramón Santamaría insiste en que, para ser voluntario ou voluntaria nesta campaña, tan só "non se necesita nada especial", só empatía e "ter catro horas de tempo ou o venres 7 de novembro ou o sábado 8 de novembro".

 

 

A Fundación aproveitou este luns para "dar as grazas á sociedade" polo seu apoio cada ano á Gran Recollida, pois "realmente esta campaña é a máis importante das que facemos ao longo do ano" e "a sociedade sempre nos responde moi ben a esta chamada".

Xa se atopa operativa na web unha app informática (https://granrecogidavigo.org) onde facilmente se pode elixir xornada, supermercado e quenda. Tamén se pode chamar ao número 986 865301.

O formato das doazóns volverá ser mixto: entrega de alimentos físicos ou/e achegas económicas ao pasar por caixa.